Partido Popular de Lugo

O grupo provincial do PP solicita ao Goberno que autorice o desprazamento dos donos de terreos forestais para marcaxe, inicio e control das cortas

O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, prosigue a súa rolda de contactos con representantes dos distintos sectores produtivos na provincia, para coñecer en que situación se atopan e cales son os problemas aos que se enfrontan como consecuencia da crise sanitaria provocada polo coronavirus Covid-19. Tras os contactos telefónicos mantidos con empresarios dos sector forestal, o grupo provincial popular decidiu remitir unha comunicación á Subdelegación do Goberno co fin de expoñer algúns dos problemas aos que se enfrontan as empresas madeireiras para desenvolver o seu traballo e co fin de que se autoricen os desprazamentos dos propietarios das árbores para marcaxe, inicio e control das cortas.

 

Javier Castiñeira destaca que un dos problemas aos que se enfrontan as empresas do sector forestal é que os propietarios das árbores están confinados e non poden desprazarse ata os terreos nos que se teñen que levar a cabo as cortas, para marcaxe, inicio e control das mesmas, que é unha medida habitual nas relacións entre os donos das fincas e as empresas. Deste xeito estase paralizando en moitos casos o traballo previsto. Esta situación, segundo indicaron en medios empresarias ao portavoz popular na Deputación, pode provocar, senón está provocando xa, desabastecemento de eucalipto para pasta de papel, o cal pode ter unha incidencia moi negativa na fabricación dun produto tan demandando na actual conxuntura como son as mascarillas sanitarias. Castiñeira recorda que A Mariña lucense é a gran subministradora de eucalipto para Ence en Navia e Pontevedra. Polo tanto, o PP solicita que se concedan autorizacións para os desprazamentos dos propietarios das árobres, tendo en conta os permisos xa preceptivos como son as autorizacións para o inicio das cortas que se levan a cabo nos distritos forestais.

 

En canto ao sector que se dedica principalmente ao pino, o problema deriva da paralización da industria de transformación da madeira. Tamén neste caso se da o problema da imposibilidade do desprazamento dos propietarios das árbores ao terreos nos que se ten que levar a cabo a corta, pero o problema é especialmente grave pola caída da demanda de madeira de pino para transformación.

 

Entre os problemas que se viven neste momento nas empresas relacionados coa madeira hai que sinalar o dos serradoiros, moitos dos cales están xa nunha situación límite por falta de traballo. É un problema que afecta de modo moi destacado ao rural lucense.

 

Á vista deste estado de cousas, o portavoz provincial do PP, Javier Castiñeira, enviou esta mañá unha comunicación á Subdelegación do Goberno, co fin de que o Goberno estude a problemática exposta e tramite algunha solución que alivie a presión que a crise sanitaria exerce sobre as empresas do sector forestal. Igualmente, destacou a necesidade de que o presidente da Deputación convoque á xunta de portavoces e constitúa, como ten solicitado o PP, unha mesa multisectorial de traballo para abordar medidas para facer fronte á difícil situación económica derivada da crise sanitaria.