Partido Popular de Lugo

A Xunta de Galicia doa a Ribadeo outras 350 máscaras e 300 luvas para combater o coronavirus

A Xunta de Galicia vén de facer unha nova entrega ao Concello de 350 máscaras, 300 luvas, 4 botes de xel hidroalcohólico, 7 de lixivia e 7 traxes de protección para combater o coronavirus.

 

O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular neste municipio, Daniel Vega, explica que se trata da cuarta doazón que o Goberno autonómico fai á entidade local, polo que, dende que esta administración comezou a adquirir material pola súa conta, a pesares de ser esta unha competencia que asumiu directamente o Executivo central, achegou a Ribadeo un total de 1.078 máscaras, 1.143 luvas, 13 botes de xel, 18 de desinfectante clorado, 75 traxes de protección, 50 batas e 6 buzos.

 

“Nestes momentos tan duros é onde se comproba a xestión dos gobernos. En Galicia sabémolo ben. A Xunta de Galicia actuou con prontitude, anticipándose incluso á administración que é a que ten as responsabilidades encomendadas para facelo. E fíxoo con medidas sanitaria e económicas”, afirma.

 

Para Daniel Vega esta colaboración “non é menor, sobre todo, porque nestes días o centro de saúde, a residencia de maiores, os traballadores do SAF e todos os profesionais que nos están coidando, precisan deste para o seu traballo diario. Por iso, creo que debemos de poñer en valor a quen nos está axudando; máxime cando parte deste material procede de recursos propios, de doazóns de empresas, institucións e mesmo particulares que altruistamente non dubidaron en axudar nesta situación complicada; algo que cobra máis importancia se cabe, se temos en conta as dificultades para atopar estes sistemas de protección, por exemplo, nas farmacias”, destaca.

 

Material tamén para os centros da 3ª idade

 

Este reparto, adianta Vega, estendeuse tamén ás dúas residencias públicas da terceira idade, así como ás vivendas comunitarias; “algo que é necesario e que nos dá tranquilidade, xa que os nosos maiores é un dos colectivos máis susceptibles e vulnerables a este virus”. Estes centros están a recibir tamén estes días distinto material proporcionado pola Xunta de Galicia.