Partido Popular de Lugo

Os populares destacan que a Xunta incrementa o servizo de axuda no fogar en máis de 8.900 horas en Vilalba durante o estado de alarma

Os populares de Vilalba destacan que a Xunta de Galicia incrementa en máis de 8.900 horas ao mes do servizo de axuda no fogar (SAF) no municipio durante o estado de alarma decretado ante a situación de emerxencia sanitaria derivada do coronavirus.

 

Increméntanse, deste xeito, nun 64,7% as horas de atención ás persoas con necesidades asistenciais coa financiación da consellería de Política Social. É dicir, o reforzo deste servizo será a custe 0 para os seus usuarios.

 

Os populares sinalan que “estas horas extraordinarias permitirán atender a máis persoas que podan precisar o servizo debido á situación xerada pola pandemia do coronavirus”. É o caso das persoas usuarias de centros de día que permanecen pechados dende a declaración de emerxencia sanitaria como medida de protección ante o risco de contaxios. Así mesmo, atenderanse de forma prioritaria os casos máis urxentes detectados polo Programa de Asignación de Recursos e tamén seterán en conta aquelas persoas cunha solicitude de dependencia rexistrada e pendente de ser valorada.

 

Dende o PP de Vilalba poñen en valor esta medida do goberno galego dirixida á atención dos nosos maiores ao entender que “son as persoas máis vulnerables ante esta crise sanitaria” e que se inclúe no Plan social de continxencia impulsado polo Executivo de Feijóo para paliar os efectos do Covid-19.

 

Medidas do goberno galego para axudar aos máis vulnerables

 

Os populares destacan este tipo de medidas teñen como obxectivo prestar axuda aos máis vulnerables e recordan que o Plan de continxencia recolle tamén a posta en marcha dun sistema de seguimento telefónico diario a persoas maiores ou con discapacidade que son usuarias dun centro de día ou ocupacional e o reparto de menús a domicilio para aquelas persoas que o precisen.

 

Tamén impulsou o executivo autonómico a posta en marcha dun teléfono de atención social, o 900 400 800, para complementar o que xa existe para resolver as dúbidas relacionadas co coronavirus e dun correo electrónico, atencionsocialemerxencia@xunta.gal, para a detección rápida de situacións de risco co obxectivo de tratar de resolvelas en colaboración cos servizos sociais das entidades locais.

 

Material de protección

 

Os populares do concello de Vilalba sinalan tamén que a Xunta de Galicia continúa a facer entrega ao Concello do material de protección individual (EPIs). Entre este mércores e este xoves chegarán ao municipio 400 luvas, 400 máscaras, 8 traxes de protección, xel hidroalcólico e lixivia. Con esta doazón, o goberno galego leva achegado ao Concello vilalbés un total de 1.847 luvas, 905 máscaras, 170 traxes e 60 batas protectoras; ademais de lixivia e xel hidroalcólico.

 

A Xunta ten achegado de forma directa á residencia de persoas maiores de Vilalba 2.100 luvas, 3.400 máscaras cirúrxicas, 36 máscaras FFP2, 300 gorros, 100 calzas, 31 batas e 31 mandís, 10 pantallas de protección ocular; 25 envases de 5 litros de produtos desinfectantes e 23 de 500 ml de xel hidroalcólico.