Partido Popular de Lugo

Daniel Vega destaca que a Xunta incrementa en máis do 64% o SAF durante o estado de alarma, e faino a custe 0 para o usuario

O voceiro do Grupo Municipal de Ribadeo, Daniel Vega, destaca que a Xunta de Galicia incrementa en máis do 64% o servizo do SAF en Ribadeo durante o estado de alarma, e faino, ademais, a custe 0 para os beneficiarios. Este reforzo supón que atención a dependentes aumenta en 1.835 horas ao mes, o que fai un total de 2.834.

 

O voceiro popular gaba a decisión do Goberno galego, que se inclúe non Plan social de continxencia impulsado polo Executivo de Feijóo para paliar os efectos do Covid-19. “Trátase dunha boa nova para Ribadeo que, unha vez máis, vén da man da Xunta de Galicia e que cobra máis importancia se temos en conta que as persoas dependentes ou as persoas maiores son os colectivos máis vulnerables ao coronavirus”, remarca.

 

O obxectivo, segundo explica Vega, é proporcionar unha atención profesional a todas aquelas persoas que: 1) non eran usuarias do Servizo de Axuda no Fogar 2) eran usuarias dun centro de día pechado 3) estaban tramitando o seu SAF pero aínda non o recibiron. Para o criterio de reparto empregaron: horas dispoñibles, existencia dun centro de día pechado, número de usuarios actuais e unha cantidade mínima por Concello.

 

“Medidas coma esta, son a que marcan as xestións dos gobernos. Estamos nunha situación difícil, á par que insólita; polo que é necesario priorizar o gasto para prestar atención e garantir a protección a quen máis o precisa. Creo que é importante que se aumente a atención a dependentes e que non se lle cobre por iso. Dende o Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo non só pensamos que é importante poñer en valor este esforzo extraordinario da Xunta, senón que o que máis nos importa é que os beneficiarios saiban que van estar mellor e máis atendidos”, conclúe.