A crise sanitaria provocada polo coronavirus COVID-19 leva aparellados problemas de gran calado para a economía nacional, en xeral, e para a lucense en particular. Os deputados provinciais do PP non tiveron resposta á súa solicitude ao presidente da Deputación para que convocase una reunión telemática de portavoces para analizar as medidas que debe adoptar esta institución tanto no que atinxe á crise sanitaria como á crise económica que se deriva dela. Diante do desinterese do presidente da Deputación, José Tomé, os populares inician unha rolda de contactos con representantes dos principais sectores produtivos da provincia para coñecer de primeira man as súas necesidades na presente conxuntura e deseñar as medidas que deben ser adoptadas pola institución provincial. O portavoz popular, Javier Castiñeira, aclara que a intención do seu grupo era que as medidas a adoptar se deseñaran coa participación de todos os grupos da corporación, pero resulta imposible porque o presidente, José Tomé, deixa clara unha vez máis a súa falla de talante dialogante e o seu desinterese por resolver os principais problemas da provincia.
Castiñeira iniciou hoxe a rolda de contactos, vía telefónica, con representantes dos distintos sectores produtivos, en concreto coa Federación de Comercio (José María Seijas e José Carlos Paleo) e dos hostaleiros (Cheché Real, presidente da Asociación Provincial de Hostalería). A análise que fan da actual conxuntura é que “a situación é malísima”, con previsións moi malas de cara ao próximo verán e con perspectivas moi poucos optimistas para o conxunto do ano.
O portavoz popular di que hostaleiros e comerciantes demandan axuda das institucións e sinaladamente da Deputación para reducir nestes sectores o impacto económico e laboral da crise sanitaria. Comerciantes e hostaleiros coinciden na necesidade de reforzar as posibilidades de supervivencia dos negocios mediante campañas institucionais para xerar confianza entre clientes e usuarios. E tamén son precisas accións institucionais para facilitar o acceso a créditos bancarios adaptados a esta especial situación, así como unha maior flexibilidade nos ERTE, ademais de buscar fórmulas para rebaixar a presión fiscal.
Castiñeira destacou a disposición do PP a buscar fórmulas de apoio a estes sectores, sinaladamente na Deputación. Do goberno presidido polo socialista José Tomé destaca que non está á altura das circunstancias nun momento tan delicado como o actual, como o demostra o feito de que esquece aos autónomos e ao pequeno comercio da provincia. Ao longo da xornada, Castiñeira falou tamén co xerente da Asociación Provincial de Empresarios da Construción, Eugenio Corral; presidente da CEL, Jaime López, e a presidenta de Jóvenes Empresarios, Noelia López.
O portavoz popular lamenta que Tomé non atendese a solicitude do PP para convocar unha reunión telemática da xunta de portavoces da Deputación e anuncia que seguirá a súa rolda de contactos cos representantes dos sectores produtivos. Está convencido de que o organismo provincial pode e ten que xogar un papel moi relevante para axudar a saír da difícil situación económica provocada pola crise sanitaria; di que a Deputación ten que actuar decididamente para a reactivación da economía provincial.