Partido Popular de Lugo

O PP de Monforte propón aprazar o cobro do imposto de vehículos e constituír unha comisión para superar os efectos económicos da crise

A gravísima crise sanitaria provocada polo coronavirus COVID-19 esixe de todas as administracións públicas a adopción de medidas extraordinarias para axudar aos cidadáns. O grupo municipal do PP de Monforte acaba de presentar varias propostas ao goberno municipal para adoptar medidas que axuden aos veciños a superar a difícil conxuntura pola que atravesamos.

 

A portavoz popular, Katy Varela, sinala que no texto remitido ao Concello se solicita un aprazamento na recadación dalgúns tributos: “É necesario aliviar na medida do que sexa posible a carga fiscal dos cidadáns de Monforte; posto que imposto máis próximo a ser cobrado é o de vehículos de tracción mecánica, consideramos necesario aprazar o cobro deste imposto polo menos ata o momento no que a crise sanitaria estea controlada”.

 

Outra proposta do PP é a creación dunha comisión para o estudo de todo o relacionado coa saída económica da crise sanitaria. A este respecto, Varela indica que a situación económica da cidade non era especialmente boa antes da crise, polo que é aínda máis importante ter claro que haberá que facer no futuro máis inmediato. Di a portavoz popular que a comisión que solicita, con reunións por medios telemáticos, tería carácter consultivo e nela deben estar o goberno municipal, a oposición e representantes do Centro Urbano Comercial de Monforte, Consello Regulador da Ribeira Sacra, Consorcio de Turismo, Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, sector gandeiro, empresarios de hostalaría e turismo, Confederación de Empresarios, banca, etcétera.

 

En canto ao aspecto sanitario do problema, Varela indica que “tal e como se solicitou na xunta de portavoces celebrada recentemente, queremos incidir na importancia da desinfección das rúas de Monforte e temos que dicir que son numerosos os veciños que se queixan da falta de limpeza”. Á vista desta situación, os populares queren que se proceda a unha desinfección intensa das rúas da cidade.