“Quero pensar que o goberno provincial non botará en saco roto as aportacións que fixemos, vía emenda, desde o Grupo Provincial do PP ao Plan Único para este ano, que se vai debater nesta sesión plenaria, tan especial por celebrarse en plena crise sanitaria debida ao coronavirus, e, por ela, por primeira vez na historia da Deputación, por medios telemáticos”. Así se manifestou o portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, minutos antes do inicio da sesión plenaria. Castiñeira lamentou que o goberno provincial, e sinaladamente o seu presidente, o socialista José Tomé, non contara para nada co Partido Popular, o grupo con máis deputados, á hora de deseñar o Plan Único. O portavoz popular declarou: “Ata agora os únicos que demostrados vontade de sumar, de aportar, de consensuar fomos os deputados do PP; espero que no pleno que vai comezar, socialistas e nacionalistas demostren máis vontade de acordo da que demostraron ata este momento”. Só así, declarou, será posible superar as eivas dun plan que chega tardísimo, de xeito inoportuno, no marco da máis grave crise sanitaria da historia recente de España, cargado de intencionalidade política e favorecedor dos concellos máis grandes”.
Castiñeira recordou que, en síntese, as emendas do PP ao Plan Único, teñen tres obxectivos fundamentais: incrementar en 700.000 euros o presuposto para situalo en 22 millóns; ampliar nun mes o prazo que se lles dá aos concellos para facer os trámites; respectar a autonomía local á hora de que cada concello proceda a asignación de recursos. Estas alegacións están baseadas, explicou Castiñeira, no convencemento do PP de que a proposta de Plan Único que o bigoberno provincial leva ao pleno é escaso en canto a orzamento e que, polo tanto, non responde ás necesidades que teñen os concellos da provincia para poder atender debidamente aos veciños nunha situación de crise como a que estamos a vivir.
Tampouco se adapta o Plan, en opinión do PP, á difícil conxuntura pola que atravesa o país en canto aos prazos que fixa aos concellos para facer os trámites necesarios. É necesario amplialos para non crearlles unha situación moi difícil, asegura Castiñeira. Hai que ter en conta -dixo- que as medidas de confinamento para evitar contaxios reducen moi notablemente as dispoñibilidades de persoal para poder atender as esixencias administrativas do Plan, cuxa tramitación supón cada ano a maior carga burocrática que soportan os concellos.
Algúns dos cambios introducidos no Plan con respecto a anos anteriores, explica Castiñeira, afectan de maneira negativa á autonomía local. É un feito innegable, por máis que se queira enmascarar; é preciso flexibilizar -dixo- o Plan para adaptalo as necesidades dos concellos.
O portavoz popular di que é lamentable que o goberno provincial nos mostrase nin o máis mínimo interese en consensuar o plan co PP, o grupo con máis deputados provinciais. E non será porque o grupo popular, destacou Castiñeira, non demostrase a súa vontade de sumar, de cooperar, de facilitar as cousas para obter os acordos que máis favorezan aos veciños nuns momentos tan difíciles. Pero o consenso esixe vontade de alcanzalo por todas as partes implicadas, e os grupos que conforman o goberno provincial non tiveron ese interese. “Espero que hoxe, nesta sesión por vía telemática, o goberno provincial cambie de actitude”, declarou Castiñeira. O portavoz popular lembrou que ata tres veces tivo que solicitar o PP que o presidente cambiara a convocatoria da sesión, de presencial a telemática, a pesar de que xa había algunha sentenza que resolvía nese sentido á vista das medidas establecidas para evitar contaxios. “Está claro que o presidente desconfiaba da capacidade tecnolóxica da Deputación”, declarou Castiñeira.