Partido Popular de Lugo

Vega propón a supresión temporal do cobro das taxas da praza de abastos, das escolas deportivas e de música e das licencias de obra que caduquen durante a crise do coronavirus

“Ante a aparición do coronavirus, é necesario adoptar medidas de inmediato”, segundo manifesta o voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega. De feito, o popular defende a conveniencia de adoptar tanto medidas sanitarias coma económicas tal e como demanda o comercio local ribadense.

 

Vega recolle as demandas de Acisa Ribadeo que lle piden ás distintas administracións “a adopción de medidas económicas para paliar os efectos negativos derivados da paralización da súa actividade por mor do estado de alarma decretado co obxectivo de frear o avance da pandemia do coronavirus”. Así, o popular propón, nese sentido, tres medidas en relación á praza de abastos, ás taxas das licencias municipais de obra e á supresión temporal das taxas das escolas deportivas e da escola de música.

 

“Todos sabemos que a praza de abastos de Ribadeo continúa aberta, pero as súas vendas diminuíron moito. Por iso pedimos a eliminación temporal da taxa que lle pagan ao Concello polo alugueiro dos seus locais como medidas de apoio á economía local e, á súa vez, aos produtos de proximidade”.

 

Por outra banda, Vega explica que “dende o Grupo Municipal Popular pedimos ao Concello que non cobre de novo as taxas das licencias de obra se fora preciso renovalas porque cheguen a caducar; xa que unha das últimas medidas aprobadas polo Goberno central supuxo a paralización temporal da actividade de certas empresas como poden ser as da construción”.

 

Así mesmo, o voceiro do PP ribadense considera razoable e adecuado “non cobrar ás familias as taxas correspondentes ao período no que non se están a impartir clases nas escolas deportivas e na escola de música”. O popular defende que “así se axuda directamente ás familias”.

 

Vega explica que se trata de “propostas moi concretas e moi necesarias que estamos dispostos a pactar cos distintos grupos políticos da corporación ribadense e dos que agardamos resposta”, conclúe.