Partido Popular de Lugo

Santiago Cubillas destaca “a vontade colaboradora da Xunta” con Láncara ao achegar material de protección e realizar labores de desinfección nos exteriores do centro de saúde e da residencia

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Láncara, Santiago Cubillas, pon en valor a solidariedade coa que está a actuar a Xunta de Galicia na xestión da crise sanitaria do coronavirus. O popular agradece, polo tanto, ao goberno galego o primeiro envío de material de protección individual (EPIs) dirixido ao ao Concello; así coma os labores de desinfección nos exteriores do centro de saúde e da residencia realizado polos profesionais do Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais.

 

Cubillas recoñece así a vontade colaboradora da Xunta e, concretamente da Delegación Territorial da provincia de Lugo, porque “a día de hoxe, foi á única administración que dotou de material ao Concello de Láncara”. De feito, “o goberno galego decidiu adquirir e distribuír este tipo de material en colaboración coa Fegamp para dar resposta á demanda dos concellos; a pesar de que se trata dunha competencia do Goberno central que autoasumira esa función”, manifesta o popular.

 

“Moito dese material -continúa Cubillas- procede de recursos propios, doazóns de empresas, institucións e mesmo particulares que de forma altruísta non dubidaron en axudar nesta complicada situación que vivimos agora mesmo derivada da crise sanitaria en relación coa pandemia provocada polo Covid-19. Tendo en conta a escaseza de material, temos que agradecer este esforzo da Xunta”, engade.

 

Cubillas agarda tamén “a mesma solidariedade” por parte doutras administracións e, nese sentido, convida á Deputación de Lugo “a seguir os pasos da Deputación de Ourense” que ten mercado material de protección para distribuír entre concellos e entidades da provincia.

 

Desinfección de espazos concorridos por persoas de risco

 

A través do SPDCIF, a Xunta levou a cabo este sábado de forma extraordinaria labores de limpeza e desinfección nos exteriores de lugares do concello especialmente concorridos por persoas que forman parte de colectivos de especial risco como son as persoas maiores ou o persoal sanitario.

 

Nese mesmo sentido, o voceiro popular de Láncara xa lle propuxera ao rexedor local a pasada fin de semana “empregar a maquinaria do Concello para acometer tarefas de desinfección nos exteriores de lugares do municipio que poidan contar cunha maior presenza de veciños e veciñas nestes días coma, por exemplo, os establecementos de alimentación, os estancos e, especialmente, o centro de saúde”. Cubillas entende que “hai que centrar esforzos na loita contra o coronavirus” e por iso “lle agradezo ao alcalde que tivese adoptado estas medidas”.