O PP cre que o Concello de Monforte ten capacidade para desempeñar un papel moito máis activo e eficiente do que está levando a cabo para axudar aos cidadáns a paliar as consecuencias da grave crise sanitaria que vive o país a causa da pandemia de coronavirus. Con ese convencemento, a portavoz popular, Katy Varela, considera que podería ser de gran axuda para determinar que tipo de iniciativas municipais poden ser máis eficaces en cada momento a constitución dunha comisión de amplo espectro social, cuxa creación debe ser impulsada desde o propio Concello.
Nesta liña, Varela indica que os socialistas falan con moita frecuencia da participación cidadá nos asuntos municipais. Considera que esta é unha desas ocasións en que tal participación, con todas as peculiaridades que impoñen as medidas de confinamento para evitar contaxios, é necesaria. Considera que na comisión que propón deben ter representación, ademais do goberno e dos técnicos municipais, os concelleiros da oposición, representantes do sector sanitario, forzas de seguridade, empresarios, comerciantes, autónomos, hostaleiros, asociacións de veciños, etcétera. As aportacións dos representantes de cada sector, sinala Katy Varela, permitirán coñecer puntualmente as necesidades de cada un e, con esta información, será posible deseñar do xeito máis eficaz posible as intervencións municipais en todos os ámbitos de xestión nos que ten competencias.
A portavoz popular indica que as reunións desa comisión terían que celebrarse por vía telemática ou por calquera outra non presencial. Considera que este grupo de traballo aportaría unha información que podería resultar decisiva para que o Concello adoptase as medidas máis eficaces en cada caso, algo especialmente relevante no contexto da actual grave crise sanitaria.
A Xunta envía guantes e traxes de protección
Varela cre que o alcalde, o socialista José Tomé, non está a altura que requiren as actuais circunstancias en quen é alcalde de Monforte e presidente da Deputación Provincial. Varela compara a eficacia demostrada pola Xunta coa notable inacción do Concello de Monforte e da propia Deputación nestes difíciles días. Neste sentido, Varela destacou que a Xunta fixo un primeiro envío de material de protección sanitaria ao Concello, integrado por 1.050 guantes, 114 mascarillas e 121 traxes de protección. Este material que distribúe a Xunta procede de recursos propios, pero tamén de doazóns de empresas, institucións e incluso particulares que non dubidaron en axudar nesta complicada situación, máis aínda polo fracaso do Goberno central na cumprimento do compromiso autoasumido de centralizar a adquisición e distribución de material de protección individual.