Deputados provinciais do PP estudan a posibilidade de recorrer «a outras instancias» se o presidente da Deputación, o socialista José Tomé, mantén a convocatoria do pleno do próximo día 2 como presencial. Así o avisou esta mañá o portavoz popular, Javier Castiñeira, tanto na xunta de voceiros como nas comisións de Economía e Pleno, ás que, polo seu grupo, só asistiu el, como xeito de respectar as disposicións do Goberno para evitar posibles contaxios no marco da gravísima crise sanitaria por coronavirus que atravesa España. A solicitude popular de que a sesión plenaria se celebre por vía telemática foi formalmente presentada na mañá de hoxe.
Castiñeira pediu que constase nas actas das comisións que hai deputados do seu grupo que consideran que a convocatoria de comisións e pleno presenciais pode vulnerar os seus dereitos, ao mesmo tempo que supón unha innecesaria desatención ás instrucións de confinamento dadas polo Goberno como consecuencia da pandemia por coronavirus, e tamén as indicacións doutros organismos como é o caso da Fegamp. Os populares entenden que os representantes institucionais dos cidadáns teñen que ser os primeiros en dar exemplo no cumprimento das normas en calquera circunstancia, e máis aínda nunha situación tan especial como é a que vive o país.
Ao fío das reunións, Castiñeira recordou que, segundo informaron algúns medios de comunicación, un xulgado do Contencioso Administrativo suspendeu o pleno presencial que estaba previsto para hoxe no Concello de León; considerou que este concello dispón dos medios suficientes para celebrar a sesión por vía telemática. Castiñeira tamén recordou que o Concello de Narón celebrou unha sesión plenaria por vía telemática e non dispón de máis medios técnicos que a Deputación de Lugo.
O portavoz dos populares insistiu en que o seu grupo quere sumar, cooperar para que a institución poida prestar coa maior eficacia posible na actual conxuntura servizos aos concellos, pero cre innecesario que, cos medios tecnolóxicos de que dispón a institución provincial, as reunións teñan que ser presenciais. Recordou os cuantiosos investimentos efectuados pola Deputación en novas tecnoloxías, que só no plan Innovate se aproximaron aos 25 millóns.
Castiñeira indicou que nas comisións apuntou que o Plan Único ten moitas cousas que mellorar e así o reflexarán nunha emenda, para que “no pleno do 2 de abril non se poida silenciar a voz do Grupo Popular, que é o que parece que quere o presidente nestas circunstancias”.