Partido Popular de Lugo

O PP de Burela destaca “o cínico oportunismo político” dos socialistas burelaos

Hai xa máis de seis meses, no ano 2019, o PP de Burela deulle entrada a un escrito no Concello instando ao Sr. Llano, polo daquela alcalde en funcións e presidente da Mancomunidade de Municipios da Mariña, a facer unha declaración institucional conxunta, para ser asinada por tódolos grupos presentes na corporación e todos aqueles que, quedando sen representación, así o estimaran oportuno.

 

Dita declaración incluía puntos comúns, xa aprobados na sede do Parlamento de Galicia, por tódalas formacións políticas; “pero Llano non atendeu a solicitude presentada polo PP burelao para facer unha declaración institucional conxunta co resto de grupos da corporación a prol dos traballadores de Alcoa San Cibrao”.

 

“Sen embargo agora”, din os populares, “podemos ver como, facendo gala dun cínico oportunismo político, sae todo oufano co resto de compañeiros do grupo municipal socialista colocando pola praza do Concello numerosos lazos azuis reivindicativos da situación que se está a vivir”.

 

A Xunta, única administración con proxectos de envergadura

 

Os populares aseguran que “a Xunta é a única administración que está a sacar para diante proxectos de envergadura para Burela durante todos estes anos”. E, a pesares disto, “os socialistas non deixan de sementar a dúbida sobre ela”, segundo critican dende o PP local.

 

“O descaro do Sr. Llano, e do resto do seu equipo de goberno, non ten límites”, engaden. Porque “non só non son capaces de levar a cabo ningunha das súas promesas electorais en catro anos de goberno con maioría, senón que teñen o atrevemento de repetir as mesmas para este novo mandato e”, aínda así, “ousan criticar ao goberno autonómico, cando é o único que está a cumprir con Burela”.

 

En relación á EDAR, os populares manifestan que se trata dun proxecto “tan complexo como necesario para a nosa vila” que “se está a adaptar aos numerosos cambios lexislativos de última hora que se están a producir por parte das diversas Administracións implicadas”. E, a pesares disto, “a consellería de Infraestruturas está a cumprir cos prazos marcados tal e como explicara a conselleira Ethel Vázquez na súa visita á nosa localidade o pasado ano cando garantiu publicamente a súa execución”, aseguran dende o PP.

 

“Se tan preocupados están pola posible perda de fondos para este proxecto, que empecen por pedirlle ao Sr. Pedro Sánchez os máis de 350 millóns de euros que o Goberno Central socialista ten de débeda con Galicia”, sentencian.