Partido Popular de Lugo

Os candidatos do PP consideran que se demostrou que o único que lle importou sempre ao PSOE e a Lara Méndez é que non se vise que Feijóo cumpriu a palabra dada aos lucenses co auditorio

Os candidatos do PP ao Parlamento de Galicia pola provincia de Lugo consideran que se demostrou que o único que lle importou sempre ao PSOE e a Lara Méndez é que non se vise que Feijóo cumpriu a palabra dada aos lucenses co auditorio.

 
Así o indicaron esta mañá Elena Candia, Ramón Carballo e Cristina Sanz logo de que o Partido Socialista  solicitase a suspensión ante a Xunta Electoral da xornada de portas abertas prevista para este sábado e na que todos os cidadáns poderían ver, nun acto aberto ao público, unha infraestrutura cultural tan importante para a cidade como é o auditorio. Neste senso, queren deixar claro que a infraestrutura está en perfectas condicións de abrirse “mañá mesmo”, polo que os socialistas con tal decisión “están impedindo que Lugo poida desfrutar e facer uso dela”.

Os populares fixeron esta valoración no marco do reparto do xornal do PPdeG sobre a xestión de Feijóo na capital da provincia. "Mentras o Partido Popular vende a súa xestión en positivo e con datos obxectivos que poñen en valor que Alberto Núñez Feijóo goberna e xestiona, dende o PSOE só están centrados no bloqueo e na parálise".

 

E é que nas outras dúas ocasións nas que se negociou recibir o auditorio – cando se rematou a obra e máis recentemente cando se finalizou o equipamento-, o Concello non se presentou para a recepción. As datas foron: xuño de 2016 (recepción da obra de construción) e decembro de 2019 (recepción da obra de equipamento).

"Pouco teñen que ofrecer"

 

Tal é así que, indican, "queda meridianamente claro que o Concello non ten interés en recibir unha infraestrutura tan demandada e importante coma esta".

"Esta é a forma que teñen algúns de facer política. Calquera cousa lles sirve, pero no Partido Popular isto non o podemos permitir. Convidamos a Lara Méndez e aos socialistas a que fagan unha reflexión, xa que se a súa precampaña e campaña consiste nisto, pouco teñen que ofrecer".

"Nada lle deben os lucenses ao PSOE"

 

"Como alcaldesa o que lle debería importar é a cidade e os proxectos que se fagan en Lugo veñan da administración que veñan. Actuar só por un interés partidista é, cando menos, de pouca dignidade política.  Pero, claro, ben é certo que o Concello durante estes anos non foi capaz de poñer en marcha nin un só proxecto. En definitiva, pouco ou nada lle deben os lucenses a esta alcaldesa e ao Partido Socialista". En contraposición, din, a Xunta de Feijóo investiu no auditorio 23 millóns de euros, equipouno e rematouno e agora está en condicións de expoñelo aos lucenses.

 
Os populares lamentan a suspensión da xornada de portas abertas, a petición do PSOE, sobre todo, porque esta non era a primeira vez que se organizaba un acto destas características, xa que en 2017 tivo lugar unha xornada similar, organizada naquela
ocasión tras o remate da obra civil e antes de comezar as tarefas de equipamento que xa están concluídas desde finais do ano pasado.