Partido Popular de Lugo

O PSOE non quere que os lucenses vexan que o novo auditorio de Lugo é unha realidade e que o Goberno local non ten interese en recibilo

O PSOE non quere que os lucenses vexan que o novo auditorio de Lugo é unha realidade e que o Goberno local non ten vontade nin interese de recibilo, privando á cidade e á provincia dunha infraestrutura cultural de primeira orde que supuxo un investimento público superior aos 23 millóns de euros.

 

Os populares lucenses censuran que os socialistas veñan de solicitar a suspensión ante a Xunta Electoral da xornada de portas abertas prevista para este sábado e na que todos os cidadáns poderían comprobar, nun acto aberto ao público, que o centro cultural está en perfecto estado de revista, coa obra rematada e totalmente equipado.

 

Desde o PP acusan aos socialistas de actuar por intereses electoralistas pois, impedindo a posibilidade de visitar o auditorio, non é posible evidenciar que non hai motivos para seguir negándose a recibir esta infraestrutura e poñela en funcionamento. Con todo, este bloqueo é unha situación que non lles sorprende porque levan anos sendo reticentes a recibir o auditorio, sen ningún fundamento, e privando aos lucenses do goce deste infraestrutura.

 

Os populares lamentan a suspensión da xornada de portas abertas, a petición do PSOE, pois lembran que non era a primeira vez que se organizaba un acto destas características, xa que en 2017 tivo lugar unha xornada similar, organizada naquela ocasión tras o remate da obra civil e antes de comezar as tarefas de equipamento que xa están concluídas desde finais do ano pasado.