Os candidatos do Partido Popular de Lugo aseguran que a que vén de rematar foi a lexislatura do rural, de xeito especial nesta provincia e aseguran que de manter a confianza dos lucenses e continuar na responsabilidade do Goberno seguirán considerando prioritarias as accións para facer dos concellos pequenos un espazo con máis oportunidades e máis e mellores servizos.
Os populares fan balance e lembran que a provincia de Lugo conta, co apoio do Goberno Feijóo que financia ao cen por cen estas accións, con 16 Casas Niño e 4 Casas do Maior, que son recursos de conciliación e coidados, para nenos ou persoas maiores dependentes, totalmente gratuítos para as familias usuarias do rural.
Desde o PP consideran un éxito tamén o programa de impostos cero posto en marcha polo Goberno Feijóo, que chega ao 98% do territorio da provincia e que na práctica elimina a tributación que depende da administración autonómica á hora de comprar, vender ou agrupar solo rústico ou explotacións agrarias e condicións vantaxosas tamén para compra da vivenda habitual en zonas rurais.
Finalmente os populares puxeron de relevo que o Goberno galego ten en marcha dúas iniciativas que, non sendo da súa estrita competencia, buscan corrixir dúas eivas que afectan aos concellos do rural: en materia de infraestruturas e cobertura móbil. Así a Xunta destina 3 millóns de euros para a mellora de camiños municipais –sempre que sirvan de acceso a explotacións agrogandeiras e 5 millóns de euros máis para o plan, en consenso coa Fegamp, para a extensión da cobertura móbil.
En contraposición a todas estas accións os populares sinalan que o PSOE está a ser un lastre para os concellos máis pequenos e, en particular para a Montaña lucense, onde os municipios gobernados polos socialistas son os que menos avanzan en materia de servizos e apoio ao rural.
Nese sentido, os populares lamentan que “os socialistas volvan visitar de novo a residencia da Fonsagrada despois de tela inaugurado ata en tres ocasións antes de ser capaces de poñela en funcionamento”.