Partido Popular de Lugo

O PP pide copia do proxecto da senda para ciclistas no Parque do Rato e espera que se poida utilizar xa a principios da primavera

O Parque do Rato é unha parte fundamental do parque periurbano de Lugo. A consecución dos terreos e o acondicionamento de dito parque foi unha realización do PP desde o goberno da Deputación. Cada día centos de persoas usan esta senda para pasea e facer deporte. A Deputación acomete actualmente obras no Parque do Rato para o acondicionamento dun carril-bici, que debería solucionar os problemas de convivencia que se daban entre ciclistas e peóns neste parque. Os deputados provinciais populares, conscientes da importancia que para Lugo ten o Parque do Rato, acaban de solicitar acceso, e copia, ao proxecto de intervención nesta zona verde e din que esta vía debería de estar en condicións de uso a principios da primavera.

 

Nun recente paseo polo citado parque, o portavoz do grupo provincial popular, Javier Castiñeira, e o deputado Óscar Poy comprobaron que as obras están xa moi adiantadas, se ben aínda queda moito traballo por facer. A este respecto, indican que o desexable é que este carril-bici estea rematado para o principio da primavera. Deste xeito, os ciclistas lucenses poderían usar a nova senda e os peóns non verían alteradas as súas camiñatas ou carreiras polo paso das bicicletas.

 

En todo proxecto de infraestruturas públicas, un dos aspectos primordiais é o da seguridade. A nova seda ciclista, segundo se pode apreciar á vista das obras, terá pavimentos de distinto tipo. A experiencia do que ocorría nalgúns puntos doutros sendas no entorno de Lugo, recomenda especial coidado na eleccións dos materiais, de modo que quede garantida a seguridade. Os populares esperan que, a estes efectos, se tome en consideración a experiencia acumulada noutras sendas habilitadas nos arredores da capital lucense.

 

Non é un aspecto de menor relevancia a sinalización da nova senda. Dado o momento en que se atopa a execución da obra, ata de agora non foi instalada a sinalización. Pero é necesario que esta senda conte con sinais suficientes en canto a número e adecuadas en canto a organización do tráfico ciclista, e en relación co resto dos tráficos.

 

Museo Provincial

 

O grupo popular tamén solicita acceso e copia ao listado de fondos da biblioteca do Museo Provincial de Lugo do ano 2018, así como na actualidade. Esta solicitude está relacionado con expurgo da citada biblioteca levada a cabo no 2019, de xeito que, segundo distintas informacións, moito do material foi entregado a empresa encargada da recollida do lixo en Lugo.