Partido Popular de Lugo

O PP de A Fonsagrada pide ao Concello que controle de forma oficial o gasto do parque móbil

O Partido Popular de A Fonsagrada pedirá no vindeiro pleno municipal que o Concello controle de forma oficial o gasto do parque móbil. Os populares plantexarán esta cuestión porque son varios os vehículos que compoñen este servizo e o custe do seu mantemento representa un gasto anual elevado e contioso; cuestión que para os populares “debe ser cando menos fiscalizado e controlado”.

 

A día de hoxe, o Concello non dispón de ningunha medida que recolla o gasto de combustible e de mantemento. É por este motivo, e en aras de acadar a máxima transparencia na contas, que dende o PP, a través da moción que veñen de rexistrar, defenden a necesidade de que a entidade local habilite un rexistro diario de cada vehículo, no que figuren tanto as características do desprazamento (quilómetros, tipo de vehículo, nome do condutor, motivo do uso, data e hora do comezo e remate do servizo), como as incidencias ou avarías que poidan xurdir. Este rexistro deberá de ser entregado semanalmente nas dependencias municipais quedando a disposición da Corporación.

 

“Pensamos que non estamos a pedir algo imposible, senón que é o mínimo que se debe de ter se se quere facer unha xestión axeitada”, subliñan.

 

Mantemento das estradas do Concello

 

Asemade, o Grupo Municipal do PP tamén solicitará ao Goberno local que realice un estudo da rede viaria municipal que estableza que estradas teñen unha maior necesidade de acondicionamento. Trátase, en definitiva, de que, baixo criterios obxectivos, se priorice unha orde de actuación en función do estado no que se atopan as vías.