Partido Popular de Lugo

O PP reclama a Tomé que reciba aos alcaldes que teñen solicitadas entrevistas para resolver asuntos que dependen da Deputación

As institucións públicas están ao servizo dos cidadáns. Para servir debidamente aos intereses dos contribuíntes, os seus máximos responsables teñen que estar permanentemente dispostos a escoitalos, ben directamente ben por medio dos seus representantes. No caso da Deputación de Lugo tal circunstancia non se da, polo menos no que se refire ao seu presidente, o socialista José Tomé, porque tarda meses e meses en recibir aos alcaldes e portavoces do Partido Popular. O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, critica con dureza esta falta de respecto a quen representa a veciños da provincia de Lugo e avisa de que este é o exemplo no que os cidadáns poden comprobar que entende o PSdeG, liderado por Gonzalo Caballero, por participación, diálogo e transparencia.

 

Un dos casos máis chamativos é o do alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, que leva seis solicitudes de reunión co presidente da Deputación sen conseguir que fixe fecha para o encontro. Salgueiro quere falar co socialista Tomé, entre outras cuestións, sobre o mal estado das carreteras provinciais no seu concello, así como de Alcoa. Sinala: «Se este é o modelo do PSOE do que fala Abel Caballero, se o modelo socialista é o de non recibir aos alcaldes e aos veciños, está claro que esa folla de ruta non serve para Galicia». Salgueiro engadiu: «Temos que dar a razón aos traballadores de Alcoa, que ao entrar na Deputación, na recente manifestación en Lugo, expresaron a súa profunda desconfianza nas políticas socialistas». Dixo tamén: «Este desplantes no os fai Tomé aos alcaldes do PP, que tamén, faimos aos veciños da provincia de Lugo». Salgueiro alude entre outras cousas ao acordo que firmou co anterior presidente da Deputación, Darío Campos, para o amaño das estradas provinciais no termo municipal de Xove. «Non entendemos como pode ter parada a execución dun acordo que está asinado, e que afecta aos veciños e ás empresas de Xove sen distinción de cores políticas». Recorda que o de Xove é un dos concellos que máis aporta a Deputación pola recadación do IAE de Alcoa, uns 400.000 euros cada ano.

 

Outros alcaldes populares tamén levan xa largo tempo esperando a ser recibidos polo socialista José Tomé. Nalgún caso a espera dura xa desde o pasado mes de outubro.

 

O portavoz do grupo popular na Deputación, Javier Castiñeira, sinalou: «Se algo xustifica as deputacións é a atención as necesidades dos concellos, e fundamentalmente dos concellos máis pequenos. Se hai alcaldes que precisan falar co presidente da Deputación de Lugo e non son atendidos, estase incumprindo o obxectivo número un destes organismos provinciais, que é a proximidade aos concellos. Hai alcaldes que teñen asuntos cuxa execución non pode esperar, que precisan da Deputación e teñen que ser recibidos con prontitude. Esta é a nosa reclamación: que o presidente da institución provincial reciba canto antes aos alcaldes da provincia, sexa cal sexa a súa cor política». Recorda que o PP goberna en máis de 30 municipios da provincia e que o popular e o grupo máis numeroso na Deputación.