Partido Popular de Lugo

O PP esixe a Loureiro un plan de choque para reparar o pavimento das numerosas rúas, camiños e pistas en mal estado

O bo estado das infraestruturas é fundamental para a calidade de vida dos veciños. Cando chegar á casa esixe facer unha auténtica xincana entre fochancas á calidade de vida deteriórase. Pois iso ocorre en moitos puntos do Concello de Viveiro debido ao mal estado de rúas, pistas e camiños de titularidade municipal. Os concelleiros do grupo popular, que ten por portavoz a Óscar Rodríguez, esixen ao goberno presidido por María Loureiro que deseñe un plan de choque para acondicionar estas infraestruturas viarias.

 

Os membros do grupo municipal do PP din que o mal estado en que se atopan camiños como o denominado Puxigueira, en Covas, débese á falta de mantemento periódico. O caso é que o deterioro dos pavimentos chegou a tal extremo que é preciso que o Concello poña mans a obra e repare os firmes. É necesario por moitos motivos, todos eles relevantes.

 

É preciso amañar camiños e pistas porque os veciños teñen dereito a transitar por vías en bo estado; por un lado, porque nas condicións nas que se atopan algunhas delas, a seguridade vial vese considerablemente reducida. E ese é un aspecto fundamental desta cuestión: a seguridade. Circular sobre firmes cheos de fochancas é perigoso para automobilistas e peóns.

 

Outro aspecto relevante do problema é o da comodidade dos veciños; mellor dito, a incomodidade, porque as fochancas son incómodas e perigosas para os automobilistas, pero tamén para os peón, especialmente cando chove e están cheas de auga.

 

A vista da situación que se da en moitos puntos do municipio, os concelleiros populares reclaman da alcaldesa, a socialista María Loureiro, que adopte as medidas necesarias e deseñe un plan de choque para resolver o problema e fixe prioridades para a súa execución. É preciso, di o portavoz popular, Óscar Rodríguez, que a presidenta da corporación municipal saia da zona de confort na que está instalada, dese dolce far niente no que vive, porque o estado das infraestruturas viarias están moi mal por falta de conservación.

 

Os populares esperan que a alcaldesa faga caso da súa reclamación e deseñe e aplique un plan de choque para a mellora das vías municipais. E avisan de que seguirán dando a coñecer casos de rúas, camiños e pistas en mal estado mentres non empecen as obras de reparación.