Partido Popular de Lugo

Lara Méndez tomou “a peor decisión” ao renunciar ao parador en San Fernando, unha infraestrutura “totalmente compatible co museo da Romanización”

Os candidatos do Partido Popular ao Parlamento de Galicia pola provincia de Lugo, José Manuel Balseiro e Ramón Carballo, consideran que a alcaldesa, Lara Méndez, “tomou a peor decisión” ao renunciar á creación dun parador de turismo en San Fernando, cando dispoñer desta infraestrutura é perfectamente compatible coa posta en marcha, tamén na cidade, do museo da Romanización.

 

Os populares manteñen a súa aposta pola iniciativa que lidera a Xunta de Galicia, que consideran unha alternativa “máis completa, a única avalada por un estudo que certifica a súa viabilidade, e a única tamén que serviría para corrixir as debilidades en materia turística, comercial e cultural que hoxe ten a cidade”.

 

A iniciativa autonómica prevé crear no cuartel de San Fernando un parador de turismo, converter o museo interactivo da historia de Lugo na sede principal do futuro museo da Romanización, con funcionamento en rede con outros espazos da cidade nos que hai pegadas do seu pasado romano e, finalmente, a rehabilitación do Pazo de Dona Urraca e da Casa Torre, na Tinería, que pasarían a ser a primeira sede fóra de Santiago do Centro Galego de Arte Contemporánea e a nova oficina de turismo e sede da asociación provincial de hostalería.

 

“O peor que pode pasarlle a Lugo é un Goberno como o local sen proxecto” aseguran desde o PP que insiste en que a obsesión da alcaldesa por non debater a proposta da Xunta é tanto “como aquel que ten a cidade na UVI e non quere darlle a medicina axeitada”.

 

Segundo defende o PP, a iniciativa que lidera a Xunta parte “dun diagnóstico máis acertado” da situación actual da cidade e, de feito, busca corrixir cada un destes aspectos que, ao entender os populares, teñen espazo de mellora:

 

“Queremos darlle novos usos ao museo Mihl, que non recibe a penas visitas pese ao seu elevado custe (máis de un millón de euros simplemente no mantemento anual, aos que hai que sumar os 12 millóns de euros que supuxo a súa construción)”. Consideran tamén que negarse a un funcionamento en rede “é renunciar á entender o conxunto da cidade de Lugo como un museo, con múltiples espazos de atractivo turístico que poderían visitarse” Finalmente rexeitar o parador “é tamén renunciar a reactivar a actividade comercial e turística do casco histórico, pois atraería máis turismo, con maior capacidade económica e subirían as pernoctacións na cidade”.

 

A alcaldesa aposta pola unilateralidade e o bloqueo

 

Desde o PP lamentan tamén que Lara Méndez “aposte pola unilateralidade e o bloqueo”, aínda que agradecen que sexa sincera e acabe admitindo que era certo o que sempre defenderon os populares.

 

“Nós sempre dixemos que se a alcaldesa quería crear o Museo da romanización en San Fernando podía facelo cando quixera, porque o cuartel é un edificio de titularidade cen por cen municipal, pero si quere o apoio dunha administración gobernada polo PP, o lóxico é que admita que nós temos un modelo alternativo e acepte que temos dereito a debatelo”

 

Finalmente os candidatos do Partido Popular acusan á alcaldesa “de ter pouca ambición ao negar a cidade tres novas infraestruturas e conformarse con unha”. Nese senso insisten en que Lara Méndez e o PSOE xogan ao engano. “Porque o debate, por moito que intente desdebuxado non é si Lugo debe ter ou non un Museo da Romanización. O debate correcto, a pregunta correcta é se Lugo pode ter un museo da Romanización, e tamén un parador de turismo, e novos edificios culturais na Tinería, por que renunciar a algún deles?