O voceiro do Grupo Municipal Popular de Láncara, Santiago Cubillas, lamenta que “o rexedor socialista se dirixa aos medios de comunicación para facer ruído” en lugar de “informarse” sobre o desenvolvemento do proxecto de construción da senda peonil de Valdriz que implica o cambio das liñas eléctricas da zona da ponte sobre o río Neira.
O popular critica a actuación do alcalde do PSOE ao que convida a “traballar de forma construtiva” en beneficio dos veciños e veciñas de Láncara. Isto pasa, segundo Cubillas, por “manter unha comunicación fluída coas distintas administracións” e, polo tanto, “en caso de dúbida, consultar os detalles do proxecto coa administración correspondente”.
A este respecto, Cubillas aclara que “o proxecto para o cambio das liñas eléctricas se divide en dúas partes: a obra civil e a propia modificación das liñas” e recalca que, no seu conxunto, “a Xunta inviste no traslado das liñas en Valdriz máis de 103.000 euros” tal e como reflicte o orzamento da empresa encargada de realizar os traballos de instalación eléctrica afectada pola construción da senda na LU-621.
O voceiro do PP lancarés subliña que “a empresa adxudicataria presentou ante o Concello unicamente o proxecto de obra civil que inclúe os traballos do movemento de terras para o soterramento das liñas, tubaxes e arquetas. Pero as obras contemplan tamén a propia modificación das liñas eléctricas que inclúen o estendido do cableado e a colocación de torretas”.
Axilización dos trámites municipais
Ao respecto deste importante proxecto que permitirá a conexión da Pobra de San Xiao coa urbanización de Valdriz en condicións de seguridade para os vehículos, ciclistas e peóns, dende o Grupo Municipal do PP demándanlle ao alcalde que, no que corresponde ás súas competencias, “axilice os trámites que faciliten avanzar nas obras”.
“Cando se presentaron estas obras no noso concello, o rexedor socialista comprometérase a falar cos veciños e veciñas propietarios dos terreos afectados para explicarlles o proxecto, pero nunca o chegou a facer”, sinala Cubillas. E, ante a súa falta de implicación, “foi preciso levar a cabo expropiacións que retrasaron a execución deste proxecto”. Polo tanto, “xa que antes a súa actuación fixo retrasar os trámites administrativos das obras”, convídano agora a “axilizar os trámites o máximo posible” dando o visto bo final do Concello despois de que o departamento autonómico de Industria lle teña comunicado a obtención das autorizacións pertinentes.