Partido Popular de Lugo

Cubillas sinala que “a construción da senda peonil entre A Pobra e Valdriz avanza segundo o previsto”

O voceiro do Grupo Municipal do PP de Láncara, Santiago Cubillas, interesouse sobre o desenvolvemento da senda peonil e ciclista que conectará A Pobra de San Xiao coa urbanización de Valdriz nunha xuntanza co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, que lle confirmou que “avanzan segundo o previsto”.

 

As obras deron comezo “nas zonas que non están afectadas pola liña eléctrica que se prevé soterrar a través dunha instalación anexa á ponte sobre o río Neira na que tamén está previsto actuar”. Esta obra complementaria que tamén sufragará a administración autonómica está pendente de acadar o visto e prace final do Concello despois de que a Xunta veña de comunicarlle a obtención das correspondentes autorizacións por parte do departamento autonómico de Industria.

 

Cubillas explica que “a construción desta senda de 460 metros que discorrerá pola marxe esquerda da estrada LU-621 dotará dun percorrido seguro aos peóns; ademais de mellorar a estrada” e, polo tanto, a imaxe desta zona da Pobra de San Xiao. É dicir, trátase dunha “remodelación integral deste espazo” que “conta co compromiso e o apoio do Executivo que preside Feijóo”, asegura.

 

Unha vez rematadas as obras que contan cun orzamento de 700.000 euros -aos que hai que engadir outros 100.000 para o traslado da liña eléctrica-, verase mellorado o acceso por estrada á zona e tamén a seguridade do tráfico peonil e de vehículos na zona da ponte.

 

Actuacións previstas

 

As obras servirán para ampliar a plataforma da estrada que pasará dos 5,5 metros actuais aos 7 metros de ancho e tamén a ponte sobre o río Neira. Así mesmo, as actuacións financiadas pola Xunta de Galicia prevén a mellora do seu trazado na entrada á ponte, a ampliación do radio da curva e a construción dunha glorieta na intersección de acceso á urbanización.

 

As actuacións completaranse coa renovación do firme co obxectivo de mellorar o peralte e as condicións de adherencia da calzada; a mellora da iluminación, o reforzo da sinalización, a colocación de proteccións e a construción de elementos para garantir unha drenaxe axeitada.

 

O voceiro do Grupo Municipal do PP lancarés, Santiago Cubillas, destaca que se trata “dunha actuación moi demandada polos veciños da zona” que foi promovida a instancias do Grupo Municipal do PP tras escoitar as peticións dos veciños e veciñas do núcleo da Pobra.