Partido Popular de Lugo

O Grupo Provincial do PP nomea por unanimidade voceiro na Deputación a Javier Castiñeira

O Grupo Provincial do Partido Popular nomea por unanimidade voceiro na Deputación a Javier Castiñeira. Así o acordaron todos os deputados, logo de que Elena Candia efectuase a súa renuncia no Pleno Extraordinario celebrado a última hora da mañá.

 

Deste xeito, o deputado asume as funcións que ata o de agora desempeñaba a mindoniense e ás que vén de renunciar para encabezar a lista dos populares da provincia ás autonómicas do vindeiro 5 de abril.

 

Javier Castiñeira, natural de Foz, é arquitecto técnico de profesión. Dende o ano 11 ata o 19 foi alcalde da súa localidade natal. Na actualidade, é voceiro deste grupo no municipio mariñao e, ata o de agora, vicevoceiro na Deputación.

 

O novo voceiro agradece a confianza de todos os compañeiros de Grupo, e moi especialmente o de Elena Candia, a quen lle desexa os maiores dos éxitos posibles, confiando en seguir, di, “o camiño trazado” pola mindoniense porque “era a deputada que, sen lugar a dúbidas, mellor coñecía a provincia e a propia institución”.

 

Javier Castiñeira pon así en valor o traballo desenvolvido ao longo destes anos pola mariñá, destacando que repercutiu na mellora de máis e mellores servizos para os veciños e veciñas da provincia, sendo, incluso, “panca de forza para que a Deputación puxese en marcha proxectos tan destacados como o Plan Único que tivo unha aportación económica directa para todos os Concellos lucenses”.

 

Orde natural

 

Co nomeamento de Castiñeira, os deputados acordaron seguir así a orde natural da portavocía marcada ao inicio da lexislatura. Isto implica que Agustín Baamonde será o vicevoceiro primeiro, José Antonio García o segundo e, José Pardo Lombao, o vicevoceiro terceiro.

 

Coa renuncia de Elena Candia, entra como deputado o concelleiro de Barreiros, José Manuel Gómez Puente.