Partido Popular de Lugo

O voto de calidade do presidente impide que o goberno provincial reserve un mínimo de 10 millóns da Deputación para apoiar o Plan da Ribeira Sacra

O voto de calidade do presidente impide que o goberno da Deputación se comprometa co Plan da Ribeira Sacra, e que describa as actuacións que pretende impulsar e levar a cabo no marco do mesmo, así como a establecer unha partida orzamentaria específica, cun mínimo de dez millóns de euros, para executar ditas actuacións. Esta proposta constitúe a emenda de substitución defendida pola deputada popular Lola Castro fronte a moción socialista en relación co citado plan. Os populares aceptan o primeiro punto de dita moción, en canto a que se faga público o texto completo do Plan Ribeira Sacra. Plan de Xestión da Paisaxe Cultural 2020-2030.

 

Os populares pedíronlle ao PSOE “que se poña a traballar”, como está a facer o Goberno galego”. “Sumen e non resten, pois se a candidatura non se presenta como require a UNESCO, corre perigo a declaración de Patrimonio da Humanidade”, remarcou Lola Castro.

 

A deputada lembrou que, en decembro pasado, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, realizou unha presentación dos obxectivos, liñas e compromisos para a execución do “Plan Ribeira Sacra. Plan de Xestión da Paisaxe Cultural 2020-2030”, así como dos criterios e ferramentas para o seu desenvolvemento. En concreto, neste marco, avanzáronse dúas cuestións de relevo. Por un lado, que o Plan é un traballo coordinado de diferentes departamentos da Xunta de Galicia. Para reforzar esta coordinación e colaboración entre departamentos, contémplase a creación dunha Comisión Interdepartamental da Ribeira Sacra, que terá por obxecto propoñer, programar, presentar e valorar as accións concretas e os seus resultados, así como contar coa colaboración dos axentes locais e outras administracións relevantes na xestión do territorio, para a mellor eficacia e alcance das intervencións. A primeira fase deste Plan, a constitución da Comisión Interdepartamental, xa superou o proceso de información pública e transparencia e xa acadou os preceptivos informes na súa tramitación. Agora está en proceso de revisión final e, en próximas datas, estará en condicións de ser aprobada a través de decreto do Consello da Xunta. Os departamentos da Xunta de Galicia xa teñen avanzado na concreción e valoración das medidas relacionadas coa Ribeira Sacra. Por este motivo, no momento en que se constitúa a Comisión, na que están representados o axentes locais, farase público o seu contido polo miúdo, dando coñecemento prioritario aos interesados.

 

A Ribeira Sacra é un expoñente máximo da interacción do home co medio, no marco dunha paisaxe viva composta por monumentais terrazas nas ladeiras dos canóns do Sil e do Miño e por conxuntos arquitectónicos cunha historia milenaria. Lograr a declaración como Patrimonio da Humanidade é un complexo proceso, pero dende a Xunta confíase no valor universal excepcional da paisaxe cultural da Ribeira Sacra e enténdese que, con votade construtiva e de xeito conxunto, poderase alcanzar.

 

O PP destaca que o Plan Ribeira Sacra. Plan de Xestión da Paisaxe Cultural 2020-2030 forma parte da estratexia de xestión da paisaxe cultural da Ribeira Sacra coma ben de interese cultural. O Plan engloba 3 principios reitores: Coordinación dos investimentos e das accións que realizarán as distintas áreas sectoriais da Xunta; promoción integral do territorio; conservación do territorio a través de obxectivos, estratexias e programas de actuación. O Plan contempla un orzamento de 34.6M€. Temporalizado entre 2020 e 2023 e procedente de cinco consellerías. Algúns dos investimentos xa foron iniciados, materializando o firme compromiso do Goberno galego. Neste sentido, xa se presentou o proxecto de sinalización do Camiño de Inverno, cun investimento de 3M€. A maiores, neste ámbito, destínanse para o Camiño de Inverno 1,5M€ dentro do Plan de Mantemento que, por primeira vez, asigna un contrato para cada vía. Tamén, a Ribeira Sacra acaba de ser declarada, polo Goberno galego, como Área de Rehabilitación Integral.

 

A deputada popular Lola Castro sinalou que os citados son algúns exemplos que demostran o compromiso real da Xunta de Galicia coa candidatura á Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO e que chocan coa actitude da Deputación de Lugo, da que, ata o momento, non consta que sumara nada ao Plan que, sendo impulsado pola Xunta, foi aberto a todo aquel que se quixera sumar.