Partido Popular de Lugo

O PP logra o apoio da Deputación para que o Goberno acepte as alegacións da Xunta e do comité de Alcoa-San Cibrao ao Estatuto Electrointensivo

O Grupo Provincial do Partido Popular vén de acadar o apoio de PSOE e BNG para instar ao Goberno central a aceptar as alegacións da Xunta e do comité de Alcoa-San Cibrao ao Estatuto Electrointensivo. A voceira, Elena Candia, agradeceu a postura do resto de grupos políticos, pois o actual contido do Estatuto, o Executivo central vai na dirección correcta só se quere pechar a industria electrointensiva galega e concretamente a factoría mariñá.

 

“Os traballadores non cren en fotos nin promesas, senón na modificación do estatuto para rebaixar o prezo da enerxía que permita manter a actividade na planta de Alcoa en San Cibrao e, polo tanto, que garante o emprego dos traballadores. Demandan unidade que se manifesten de maneira rotunda porque todos temos a mesma preocupación, pero non todos temos a mesma responsabilidade. Temos un documento, un instrumento normativo que, en lugar de mellorar, empeorou a situación do desenvolvemento da actividade de Alcoa en San Cibrao. Por iso, traemos hoxe unha moción que pide que se acepten as alegacións presentadas polo goberno galego, asturiano e cántabro e tamén dos traballadores ao estatuto porque en lugar de aportar recursos suficientes aporta incertidume polo que é insuficiente”, explicou na súa intervención.

 

Segundo destacou Candia, o documento actual “é un peaxe que hai que pagar polo apoio ao Goberno de Partido Socialista, pero a planta galega está en desventaxa”. A este respecto, a voceira do PP afeou ao presidente do Partido Socialista que viñese esta fin de semana a apoiar a un compañeiro e non trouxese unha solución ao problema. É, por este motivo, polo que a popular instou ao presidente da Deputación e aos seus compañeiros de partido a “liderar unha iniciativa que traia beneficios para a provincia sen politizar co asunto”.

 

As propostas efectuadas desde Galicia, que non foron tidas en conta no proxecto de Estatuto, suporían a categorización dos consumidores hiperelectrointensivos, descontos nas peaxes de transporte, compensación do imposto de xeración ou o céntimo verde ao carbón. Os populares sinalaron que é imprescindible asegurar un prezo estable e competitivo da enerxía eléctrica. Precísase unha rebaixa do custe ata os 35-40 €/MWh.

O grupo que ten por portavoz a Elena Candia, destaca así que as medidas avanzadas polo Goberno son insuficientes e son as mesmas que se deron a coñecer á mesa de traballo na que a propia Alcoa xa lle advertiu de que eran insuficientes. Os populares esixiron así ao Goberno que deixe de xogar cos traballadores, porque está en xogo o futuro de miles de familias.