Partido Popular de Lugo

O PP denuncia déficit de instalacións deportivas en Monforte e propón un plan acordado cos clubs para a construción de novas canchas

As infraestruturas deportivas son un bo indicativo da calidade da xestión pública. No caso de Monforte, tal calidade, a xulgar polas queixas e necesidades que expoñen os clubs deportivos, no é especialmente boa. O grupo municipal do PP defenderá unha iniciativa no próximo pleno da corporación monfortina co fin de que o goberno local, presidido por José Tomé, adopte as medidas precisas para, previa entrevista e acordo coas agrupacións deportivas, encargar un proxecto para ofrecer as infraestruturas necesarias.

 

A portavoz popular, Katy Varela, sinala que a agrupación local do Partido Popular en Monforte de Lemos mantén reunións, de maneira constante, con representantes das distintas entidades deportivas. E todos coinciden en que Monforte ten déficit de instalacións deportivas, o que condiciona negativamente a práctica da actividade física.

 

Varela di que o club Quixos expresou recentemente a súa queixa, a través dos medios de comunicación, porque as instalacións que ten no Parque dos Condes resultan insuficientes. Polo seu lado, o club Korbis, de voleibol, reclama pistas de area para adestrar e competir en voley-praia. A súa vez outras agrupacións deportivas quéixanse de que o pavillón municipal resulta escaso para o gran número de actividades deportivas que se desenvolven na cidade; critican ademais as malas condicións nas que se atopa. As deportistas do club Quicela expresan as súas queixas por esta falta de medios.

 

A portavoz popular destaca a importancia de propiciar e facilitar as actividades deportivas, polos numerosos beneficios que teñen tanto individual como socialmente. Son moitas, di Katy Varela, as iniciativas deportivas particulares que aportaron éxitos a Monforte. Igualmente destaca que é necesario fomentar o deporte entre os máis pequenos e os mozos e mozas. Di que dispoñer de instalacións deportivas en número suficiente e da calidade adecuada é un recurso máis, e moi relevante, para engadir valor á cidade e evitar que os mozos marchen de Monforte.