Partido Popular de Lugo

O PP apela á responsabilidade de PSOE e BNG para apoiar na Deputación a súa proposta para esixir ao Goberno o pago a Galicia do IVE de 2017 e os incentivos polo bo comportamento fiscal

O Goberno central segue a reter o pago a Galicia da liquidación dunha mensualidade do IVE de 2017 (200 millóns) e négase a pagar os incentivos que lle corresponden a esta Comunidade Autónoma polo bo desempeño fiscal nos anos 2017 e 2018 (170 millóns de euros). O grupo provincial do PP, que ten por portavoz a Elena Candia, defenderá na próxima sesión plenaria da Deputación unha moción coa que busca o acordo da corporación para declarar o apoio á reivindicación da Xunta de Galicia ante o Goberno de España para que ingrese as contías do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) non liquidadas, correspondentes ao exercicio 2017 como consecuencia da implantación do sistema de Información Inmediata. Igualmente, os populares buscan o acordo da Deputación para apoiar a reivindicación dunha convocatoria urxente do Consejo de Política Fiscal y Financiera, cunha orde do día que inclúa un punto específico para abordar a aprobación a Galicia dos incentivos polo seu bo desempeño fiscal nos anos 2017 e 2018.

 

Os populares recordan que en declaracións realizadas o día 21 de xaneiro, trala reunión do Consello de Ministros, a titular de Hacienda e portavoz do Goberno alegou que era unha cuestión que "tocaba en el año 2019" e que "ya se perdió esa oportunidad de poder resarcir", culpando aos partidos políticos que non aprobaron o proxecto de Presupuestos Generales del Estado. O PP di que esta explicación non só carece de fundamento xurídico algún, senón que supón romper o compromiso que a propia ministra asumiu persoalmente en agosto de 2018 e que levou á Xunta de Galicia a prever eses ingresos nos seus Orzamentos.

 

Para PP, o Goberno central debe adoptar unha solución urxente para transferir estes recursos, que lle corresponden aos galegos. No caso do IVE son cartos de todos os galegos, que o Goberno xa recadou, que o Goberno ten no seu poder e que se nega a transferir. Existe un problema global, o do IVE, que é común para todas as Comunidades Autónomas, Deputacións Provinciais e Entidades Locais, e que demanda unha solución común. Pero existe un problema específico para Galicia, que se fixo merecedora de cobrar os incentivos fiscais polo seu cumprimento de todas as regras fiscais tanto no ano 2017 como no ano 2018, que ten que ter unha solución específica para a nosa Comunidade.

 

Os deputados provinciais populares destacan que o impacto económico desta decisión do Goberno central afecta directamente ao sistema de financiamento autonómico, pero tamén pode supor unha perda de recursos para os veciños/as da nosa provincia. Ante esa situación tan alarmante para Galicia e para a provincia de Lugo, o PP fai un chamamento a todos os grupos da Corporación provincial, apela ao seu sentido do deber e da responsabilidade, para aprobar esta iniciativa e reclamar ao Goberno o que lle corresponde a Galicia e a Lugo.