Partido Popular de Lugo

Iniciativa do PP na Deputación para instar a Fomento a poñer en funcionamento o alumeado da A-6 nos enlaces coa capital lucense

A nula ou deficiente iluminación da autovía A-6 (Madrid – A Coruña) ao seu paso por Lugo nos enlaces de O Ceao, A Campiña, O Carqueixo e Nadela son motivo de constantes queixas ao longo dos últimos anos tanto por parte de usuarios destas vías como dos residentes no entorno das zonas indicadas. É un problema que coñece o Ministerio de Fomento e ao que, por razóns nunca suficientemente aclaradas, non pon solución. A falta de iluminación, ou polo menos de iluminación suficiente, nos accesos a autovía A-6 a altura de Lugo constitúen un problema para a seguridade do tráfico rodado. Á vista da actual situación o grupo Provincial do PP presentará unha moción na Deputación, para ser debatida no pleno, co fin de que a corporación acorde instar ao Ministerio de Fomento a adoptar as medidas necesarias para dotar de alumeado nas debidas condición aos enlace da A-6 á altura da capital lucense.

 

A carencia ou déficit de alumeado (están instaladas as farolas pero ou non funcionan ou só o fan parte delas) foi protagonista de numerosas informacións nos medios de comunicación ao longo dos últimos anos. Nalgún caso, citan fontes de Fomento que, segundo o xornal que publicou a información, aseguraba coñecer o problema e ter preparado un proxecto para solucionalo. Proxecto habería, pero, á vista do actual estado de cousas, non parece que se executase.

 

Ademais de por evidentes razóns de seguridade vial, é obvio que as luminarias apagadas dan unha mala imaxe de Lugo e non invitan aos automobilistas a deterse na cidade. En todo caso, é inaprazable que Fomento adopte as medidas oportunas para que alumen as farolas. Para elo é preciso solucionar as deficiencias que impiden que funcionen as farolas instaladas, que, no caso do enlace de A Campiña, están apagadas na súa totalidade e noutros na súa maior parte. Para conseguilo, o Grupo Provincial do PP presenta unha moción á corporación provincial para instar a Fomento a adoptar, sen máis demoras, as medidas precisas para dotar de iluminación a autovía A-6 nos seus enlaces coa capital.