Hai algúns indicadores que operan como escaparates da xestión dos municipios. Un deses indicadores é o aseo, a limpeza, tanto no ámbito urbano como no rural. En Monforte, un destes indicadores acusa de desidia ao alcalde, o socialista José Tomé, e ao seu equipo, cando se mide en As Lamas, moi preto de onde se atopa o punto limpo. A portavoz do PP no Concello, Katy Varela, sinala que en dita zona hai un amplo terreo no que, a xulgar polos carteis, se levaron a cabo accións de «recuperación, restauración, adecuación e limpeza de puntos de vertidos incontrolados». Foi unha tarefa cofinanciada con fondos europeos. Pois a día de hoxe, os carteis seguen no seu sitio, di Varela, pero o que non hai é limpeza, porque este terreo está cheo de lixo de distinto tipo. E iso que tamén hai un cartel do Concello que prohibe expresamente o vertido de residuos, pero parece que ninguén se encarga de facer cumprir tal disposición. O grupo municipal do PP presentará unha iniciativa sobre este asunto na próxima sesión plenaria da corporación monfortina.
Hai veciños que acudiron ao Concello para queixarse do estado en que se atopa o citado terreos en As Lamas, e non conseguiron nada. Aí hai, entre outras cousas, gran número de restos de aparatos electrodomésticos. Pero hai tamén moitos outros aparellos, algúns deles de moi considerable peso e tamaño.
Como ocorre con frecuencia, o lixo atrae lixo. Segundo indica Katy Varela, parece que á vista de que nese terreo abundan a chatarra, incluídos ferros de todo tipo, bidóns e outros residuos, empeza a chegar lixo doutro tipo. Hai polo menos o que parece material descargado dun camión ou remolque de tractor; xunto a cubertas de maquinaria agrícola, hai outro tipo de lixo.
A portavoz popular en Monforte destaca a pasividade do Concello, presidido por José Tomé, fronte ao caso que saca á luz pública. Espera que o goberno local explique por que mantén tal nivel de tolerancia con respecto ao citado problema e quere saber por que non foron atendidas as queixas expostas por algún veciño. Varela di tamén que o caso de As Lamas reflexa como entende o goberno monfortino todo o que ten que ver co medio ambiente e coa limpeza do municipio. A mesma representante do PP insta ao socialista José Tomé a adoptar as medidas oportunas para retirar o lixo depositado en As Lamas e para evitar que se reproduza este problema, moito máis chamativo, di, a medida que Monforte se consolida como capital.da Ribeira Sacra.