Partido Popular de Lugo

O PP acusa ao goberno de Viveiro de marxinar a Celeiro e esixe a restauración da Rúa da Cachocha

As infraestruturas en mal estado son unha garantía de molestias e perigos para os cidadáns. E son unha manifestación clara da falta de interese dos gobernos por facer a vida dos cidadáns máis segura e máis cómoda. Unha comunidade con infraestruturas en mal estado é una comunidade chamada a perder poboación, prestixio e peso. Pois o goberno municipal de Viveiro, en opinión dos concelleiros do Partido Popular, somete aos veciños de Celeiro á situacións de incomodidade, risco e feísmo urbanístico inxustificables e só explicables pola desidia da alcaldesa María Loureiro (PSOE) e o seu equipo á hora de atender as súas obrigas como xestores.

 

En Celeiro hai moitas deficiencias urbanas, como comprobaron os concelleiros populares, e todas elas sairán á luz da man do grupo que ten por portavoz a Óscar Rodríguez. E para empezar centran as súas críticas no estado en que se atopa a celeirense Rúa da Cachocha, que é una longa escaleira que une O Celeiriño coa zona do porto, co paseo marítimo. Os chanzos están desgastados, fendidos, desaxustados e irregulares, de modo que pisar neles constitúe un verdadeiro risco, un perigo de caída. É necesario, din os concelleiros populares, que o goberno municipal saía da zona de confort na que está instalado, visite Celeiro e tome as medidas adecuadas para corrixir as deficiencias que, a pouco que mire, verá. Para comezar, os edís populares recomendan a Loureiro que poñan man á obra nestas escaleiras, nesta rúa da Cachocha, antes de que ocorra un accidente. Os populares din que reparar esta rúa supón moi poucos cartos; polo tanto, se está no estado no que está é debido unicamente á falta de vontade política do goberno municipal para solucionar o problema.

 

Por certo, vendo estas escaleiras da Rúa da Cachocha os populares teñen claro que nin María Loureiro nin os membros do seu equipo teñen intención algunha de adoptar medidas para a eliminación de barreiras arquitectónicas, unha tarefa na que está case todo por facer en Celeiro.

 

Óscar Rodríguez sinala: “O que se está facendo cunha parroquia chea de atractivos como é a de Celeiro é totalmente inxustificable e inexplicable. O goberno municipal, ao non facer nada en Celeiro, pero nada de nada, o que consigue é facerlle a vida imposible á xente e que esta marche para outros sitios, de maneira que Celeiro estas despoboando. Isto é inadmisible”. Rodríguez insta a Loureiro a adoptar as medidas precisas para corrixir as deficiencias das infraestruturas en Celeiro, empezando pola Rúa da Cachocha, porque o seu mal estado constitúe un serio perigo para as persoas que transitan por ela. Espera que, a diferenza da pasividade demostrada noutros problemas postos de manifesto polos concelleiros do PP, no caso de Celeiro os membros do goberno municipal si fagan algo que xustifique o seu paso polo Concello; iso, de momento, entra no terreo do improbable, como ben saben xa os veciños de Celeiro, pero o PP presionará para que o Concello repare a Rúa da Cachocha.