Partido Popular de Lugo

O goberno provincial tardou máis de tres anos e medio en executar a moción do PP aprobada para facilitar desfibriladores aos concellos

 A Deputación de Lugo, gobernada polos socialistas, necesitou máis de tres anos e medio para adoptar as medidas precisas para cumprir o acordo adoptado no pleno de xullo de 2016, por iniciativa do PP, para facilitar a adquisición de desfibriladores polos concellos lucenses de menos de 20.000 habitantes. De pouco serviu que o PP recordase en diversas ocasións ao goberno provincial que tiña sen executar o citado acordo. Na reunión celebrada esta mañá pola xunta de goberno da Deputación aprobouse, por fin, o programa Lugo Provincia Cardiosaudable, e o convenio de cooperación cos concellos adheridos.

 

O grupo provincial do PP, do que é portavoz Elena Candia, considera que este asunto deixa claramente de manifesto como entenden os socialistas a eficacia na xestión. Necesitaron case catro anos para poñer en práctica un acordo plenario que pode salvar vidas nos municipios da provincia de Lugo. O actual presidente, José Tomé, necesitou desde que se constituíu a corporación, en xuño do 2019, para sacar adiante este acordo.

 

Os populares consideran que, de novo, quedan claros dous aspectos da xestión de Tomé ao fronte da Deputación. Por un lado que segue vivindo de rendas, de acordos pasados. Por outra parte, demóstrase unha vez máis que carece de proxecto propio e que da súa chegada á presidencia provincial o único que lle interesaba realmente era ocupar o sillón, pero non a defensa e xestións dos intereses provinciais.

 

O PP conseguiu, coa moción aprobada no pleno do 26 de xullo de 2016, que a Deputación asumise o compromiso de elaborar «un plan de cooperación cos concellos para axudar aos municipios de menos de vinte mil habitantes na adquisición de desfibriladores para a súa instalación nos espazos de maior afluencia de veciñas e veciños, conseguindo Lugo a condición de provincia cardiosaudable». Igualmente, o organismo provincial quedou obrigada a «incluír en dito plan que a axuda da Deputación consista no 100% do prezo do desfibrilador, procurando a formación específica para o seu correcto manexo por persoal capacitado».

 

Os deputados populares criticaron en diversas ocasións o retraso na execución da moción aprobada en xullo de 2016. Fixéronno, entre outros momentos, en febreiro de 2018 e tamén nunha intervención da portavoz do PP nun debate plenario o 26 de marzo de 2019. Por fin, agora, a xunta de goberno adopta unha decisión para executar as propostas do PP aprobadas en 2016.