Partido Popular de Lugo

O investimento da Xunta durante 2019 en Trabada superou amplamente o orzamento municipal ata situarse nos 2,4 millóns de euros

O voceiro do PP de Trabada, José María Fernández, destaca o investimento que dirixiu o goberno galego ao municipio durante o 2019 e que ascende a máis de 2,4 millóns de euros e que, polo tanto, “supera amplamente o orzamento municipal”.

 

O popular, que fixo balance destas achegas nunha reunión co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinala que “esta cifra increméntase aínda máis se temos en conta o investimento que dirixe a Xunta ao mantemento dos servizos públicos que dependen da administración autonómica como son o colexio e o centro de saúde”.

 

Fernández fixo fincapé nas achegas en materia de política social coas que Trabada se veu beneficiada de máis de 122.000 euros para sufragar o servizo de axuda no fogar; ademais doutros 8.600 euros para a mellora da escola infantil e 96.000 euros máis que a Xunta dirixe ao servizo de atención temperá que o municipio comparte con outros concellos da zona.

 

“O Concello de Trabada recibiu máis de 136.000 euros para acometer obras ou prestar aos veciños e veciñas os servizos que consideren axeitados”, sinala o voceiro do Grupo Municipal Popular en relación ás achegas do Fondo de Cooperación Local que a administración autonómica dirixe aos concellos. E, en materia de emerxencias, “Trabada viuse beneficiada dunha achega de preto de 36.000 euros para a adquisición dun vehículo pick-up”.

 

Da man do Fondo de Compensación Ambiental, a Xunta dirixiu a Trabada en conxunto con Lourenzá 30.000 euros para o mantemento de espazos naturais. E, en concepto de axudas para a conservación, recuperación e rehabilitación en espazos da Rede de Reserva da Biosfera, o goberno galego dirixiu 12.000 euros á área recreativa da Choza e Fraga da Belosiña en Trabada. Para a rehabilitación de vivendas de promoción pública, a Xunta dirixiu 4.000 euros e achegou máis de 16.000 en materia de recollida selectiva de residuos.

 

O portavoz do PP subliña tamén os máis de 623.000 euros que a Xunta achegou en materia de emprego no ano 2019 ao noso municipio que permitiu ao Concello contratar a un traballador con 13.000 euros do programa Aprol Rural e sufragar a contratación dun AEDL grazas a unha achega de máis de 6.000 euros. Así mesmo, no verán o concello dispuxo de 3 socorristas en conxunto con Lourenzá. E a estas hai que engadir as axudas dirixidas a autónomos e pequenas empresas.

 

Medio rural

 

Fernández sinala ao medio rural como “un dos principais motores económicos do noso municipio” e ao que o goberno galego achegou máis de 1,2 millóns de euros. Destes, os agricultores e gandeiros recibiron de forma directa máis de 822.000 euros aos que hai que sumar outras axudas ás novas incorporacións e plans de mellora.

 

Neste eido, en concepto de axudas do GDR 2019-2020, o Concello de Trabada recibiu máis de 41.500 euros para a construción dun centro de novas tecnoloxías e outras achegas para a mellora das casetas de vixilancia que, no conxunto con outros catro municipios da provincia, suman preto de 205.000 euros.