Partido Popular de Lugo

O PP destaca que “o investimento de máis de 7,3 millóns de euros da Xunta na Fonsagrada durante o 2019 multiplica por dous o orzamento municipal”

O PP da Fonsagrada destaca o investimento que dirixiu o goberno galego ao municipio durante o 2019 e que ascende a máis de 7,3 millóns de euros. Despois de facer balance destas achegas nunha reunión co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, o voceiro popular, José Luís Regueiro, asegurou que “o investimento da Xunta na Fonsagrada durante o 2019 multiplica por dous o orzamento municipal”.

 

Con todo, o popular engade tamén que “esta cifra é aínda superior se temos en conta que a administración autonómica sufraga o funcionamento dos principais servizos públicos do municipio como son o centro de saúde, o colexio e o instituto de educación secundaria”.

 

Entre as achegas que o goberno galego dirixiu á Fonsagrada no 2019, Regueiro destaca os máis de 333.000 euros do Fondo de Cooperación Local que permiten ao goberno local acometer obras ou prestar aos veciños e veciñas os servizos que consideren máis oportunos”. Así mesmo, A Fonsagrada viuse beneficiada dunha achega de máis de 87.000 euros para a construción dun novo punto de recollida de RAEES e voluminosos da man do Fondo de Compensación Ambiental.

 

Regueiro quixo lembrar tamén os máis de 500.000 euros que a Xunta dirixe ao municipio para sufragar o servizo de axuda no fogar a través dos que as persoas dependentes reciben atención nos seus domicilios.

 

E, en materia de emprego, o portavoz do PP subliña os máis de 120.000 euros dirixidos ao concello fonsagradino a través de axudas ao Concello para a contratación de persoal -un AEDL, 2 traballadores perceptores da RISGA e outros 2 traballadores co programa Aprol Rural- ou de axudas a autónomos e pequenas empresas.

 

Obras

 

José Luís Regueiro lembra tamén que “durante o 2019 o goberno galego achegou máis de 1,8 millóns de euros para o reforzo integral da LU-740 e unha intervención parcial na LU-701 e na LU-703”. E, no mesmo sentido, “o goberno galego respondeu ante a necesidade de rehabilitar o CEIP Santa María de forma integral e para esta obra dirixiu máis dun millón de euros”.

 

Profesionais do medio rural

 

“A Xunta de Galicia achegou aos profesionais do medio rural máis de 3,1 millóns de euro”, segundo explica o voceiro dos populares poñendo en valor “o compromiso do goberno galego cun dos principais motores económicos do noso municipio”. Trátase de axudas que reciben, principalmente, os agricultores e gandeiros de forma directa -ata 2,2 millóns de euros- e tamén en concepto de axudas puntuais que se corresponden con novas incorporacións, plans de mellora e axudas a pequenas explotacións.

 

Regueiro tamén lembra que “as achegas da Xunta neste ámbito permitiron arranxar camiños, repoboar fincas forestais, mellorar puntos de auga e acometer outros traballos en materia de prevención de incendios forestais”.