O Partido Popular de A Fonsagrada lamenta que o alcalde e o seu equipo de goberno se desentenda “tan descaradamente” da grave crise que están a pasar os comerciantes e hostaleiros do municipio, debido ás restricións sanitarias que se tiveron que levar a cabo por mor da pandemia da covid-19.
Concretamente, os dirixentes locais votaron en contra da proposta dos populares na que solicitaban ao Concello habilitar axudas específicas para este colectivo, co fin de axudarlles a paliar a perdas económicas que están a ter. Dende o PP o que plantexaban é que se con fondos propios esta cuestión resultaba imposible, se fixese con cargo ao Plan Único da Deputación.
“O resultado foi, din, que nin unha cousa nin a outra. Non entendemos como se pode ter tanta insensibilidade política e institucional, sobre todo, advirten, porque hai outros Concellos que si o están a aplicar”. É o caso, sinala o voceiro do Grupo Municipal, José Regueiro, de Mondoñedo, Friol, Vilalba, Viveiro ou Monforte de Lemos.
“O PP propón, o goberno cala e non fai”
O Goberno municipal polo momento non fixo ningunha actuación encamiñada a paliar os efectos económicos da crise nesta como si desenvolveron outras entidades locais (reducción ou exencións de pagos de impostos como IAE, IBI, imposto sobre o lixo, a auga, terrazas, venta ambulante…) polo que, “co ánimo de ser construtivos e paliar os efectos sociais e económicos na Fonsagrada”, os populares propuxeron aos dirixentes locais as seguintes medidas: activación de axudas directas a empresarios, comerciantes, autónomos e gandeiros; achegas económicas e formación a emprendedores; concesión de axudas directas os veciños para o impulso do comercio local; redución do pago a proveedores do Concello; e investimento nas persoas e familias máis vulnerables e con poucos ingresos.
“O PP propón, o goberno cala e non fai. Esta é a única realidade. É unha mágoa detectar que, malia saber que son moitas familias as que está a sentir desesperación pola situación actual, non teñan o apoio da súa administración máis próxima, que é o Concello”. Por este motivo, conclúen, “pedimos, unha vez máis, ao alcalde que traballe e lles tenda a man aos bares, comercios, restaurantes, etc do noso pobo. Son momentos para arrimar o hombro, non para desentenderse e, se se me permite a expresión, pasar de todo”, remarca Regueiro.