Partido Popular de Lugo

O PP, que leva a iniciativa na loita contra o despoboamento, dá a benvida aos colectivos veciñais que se suman á busca de solucións

O PP iniciará maña, venres, día 7, as xornadas O Reto Demográfico: Máis Rural, Máis Lugo, que, a razón dunha ao mes, se prolongarán ata xuño. Mañá, a conselleira de Política Social, Fabiola García Martínez, será a encargada de abrir este ciclo de conferencias. Neste caso, celebrarase ás 19.30 horas, na Casa da Cultura de Outeiro de Rei. A conselleira baixo o título Facer de Galicia o mellor lugar para formar unha familia abordará distintos aspectos da Lei de Impulso Demográfico de Galicia.

 

O Partido Popular de Lugo considera que o reto demográfico é unha cuestión de Estado, no que teñen que implicarse, ademais da Administración xeral do Estado, as administracións locais e autonómicas. Os populares destacan que afrontar este reto esixe tanto implicación política como social. Como unha aportación ao esforzo por comprender mellor o problema e buscar solucións, xorden estas xornadas en cuxo título se reflexa o convencemento de que canto máis se coide, impulse e dote á zona rural, máis mellorará a provincia no seu conxunto. A iniciativa dos populares segue as conclusións do informe presentado en abril do 2019 pola Comisión Especial Sobre la Evolución Demográfica en España -creada por acordo do Senado, o 30 de novembro de 2016. Este documento destaca, entre outras cousas, que para afrontar con éxito o reto demográfico resultan esenciais medidas de apoio ás familias, afrontar a realidade do envellecemento e impulsar as infraestruturas e o emprendemento.

 

A estas alturas, despois de que o PSOE leve ao fronte da Deputación de Lugo desde 2007, queda claro o fracaso das políticas socialistas. Non só non lograron reverter a tendencia a despoboamento dalgunhas zonas, senón que se agravou.

 

O PP tomou a iniciativa neste asunto, como noutros moitos, xa hai moito tempo. Foi un fito a aprobación polo Parlamento galego, en abril de 2013, do primeiro Plan de Dinamización Demográfica de Galicia 2013-2016, horizonte 2020, que situou a cuestión demográfica entre as máximas prioridades do Goberno autonómico. No ámbito autonómico, a Lei de Impulso Demográfico de Galicia marcará un antes e un despois na abordaxe do problema. Pero é precisa a implicación de toda a sociedade. Por iso, os populares saúdan e dan a benvida á incorporación dos colectivos veciñais, vinculados á Federación Provincial de Asociacións na súa anunciada campaña sobre o problema do despoboamento á que denomina Galicia baleira, e que, ao parecer, inicia intentando buscar compromisos institucionais. No caso da Xunta de Galicia o compromiso está sobradamente demostrado coas medidas xa adoptadas e as que serán adoptadas no futuro.

 

Hai que recordar que a Xunta ten entre os seus eixos prioritarios reverter a actual situación, por iso é a primeira comunidade autónoma que eleva a rango de lei esta cuestión coa Lei de Impulso Demográfico. O seu interese e preocupación pola cuestión demográfica queda claro no aumento de recursos a disposición das familias para axudalas tanto na crianza dos seus fillos como á hora de conciliar. Igualmente, queda de manifesto no traballo para traer nova poboación, obxectivo que se está a conseguir, posto que no ano 2018 Galicia gañou máis de 13.000 habitantes grazas á inmigración.

 

En Galicia adoptáronse medidas concretas e históricas. Por exemplo que a partir do 1 de abril os segundos fillos e sucesivos terán unha praza de escola infantil gratuíta; incremento das medidas de conciliación no rural coas Casas Niño e as Casas do Maior. É un feito que hoxe temos máis prazas públicas que nunca en escolas infantís: 25.000.

 

O reto demográfico é unha cuestión de Estado. Por iso, a Xunta, consciente do problema que supón o descenso de nacementos,  sigue demandando unha estratexia nacional. Pero a Xunta de Galicia non vai quedar á espera de que o Goberno central se decida a poñer en marcha unha estratexia nacional fronte o reto demográfico; o Goberno galego fai e fará todo o posible para reverter esta situación. En Lugo, o PP recollerá as aportacións de destacados especialistas na busca de solucións, porque está convencido de que Lugo, como se di no título das xornadas Máis Rural é Máis Lugo.