Partido Popular de Lugo

O PP de Alfoz pon en valor as achegas da Xunta que no 2019 supuxeron máis de 1,2 millóns de euros para o municipio

Os populares de Alfoz poñen en valor os máis 1,2 millóns de euros que a Xunta de Galicia dirixiu no pasado ano 2019 ao concello. Así o destacou a concelleira Raquel Rouco despois de manter unha xuntanza co delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, na que fixeron balance dos investimentos do goberno galego dirixidos a acometer obras e prestar servizos aos veciños e veciñas.

 

A popular recordou, así mesmo, que “a Xunta de Galicia dirixe tamén a Alfoz outros recursos que permiten manter importantes servizos públicos de competencia autonómica como son o centro de saúde e os centros de ensino”.

 

Raquel Rouco fixo fincapé nos máis de 185.000 euros que a Xunta achegou na pasada anualidade para o sostemento do servizo de axuda no fogar, é dicir, “para que o Concello pague o destacado traballo que realizan as profesionais que atenden aos nosos dependentes nos seus propios domicilios”.

 

Do mesmo xeito, outra das partidas que sinalou a popular é a dirixida ao Fondo de Cooperación Local coa que o Concello de Alfoz se beneficiou dunha achega de preto de 145.000 euros para “acometer obras ou prestar os servizos que o goberno local considere axeitados para os nosos veciños e veciñas”. Así mesmo, Raquel Rouco lembrou as achegas correspondentes ao Fondo de Compensación Ambiental que supoñen 45.000 euros da convocatoria non competitiva e que permitiron a renovación da rede de distribución de auga e máis de 69.000 euros, da convocatoria competitiva, para financiar o servizo de recollida de lixo e punto limpo en conxunto co Valadouro.

 

Non quixo esquecer a popular as achegas do goberno galego en materia de igualdade e conciliación que aporta ao municipio a través do financiamento do CIM en conxunto con outros concellos da zona ou a apertura do colexio en horario non lectivo para o que dedica 11.000 euros.

 

Mellora nas estradas autonómicas e axudas ao emprego

En materia de infraestruturas, a concelleira do PP de Alfoz subliñou “o investimento de máis de 185.000 euros” por parte do goberno galego para o reforzo do firme na travesía da alfoz da LU-160.

 

Así mesmo, as achegas da Xunta que preside Feijóo ao municipio chegaron tamén ao ámbito do emprego. Neste senso, Alfoz recibiu preto de 88.000 euros. Así, o Concello contratou un traballador con cargo ao programa Aprol Rural grazas a unha achega de preto de 13.000 euros e mesmo se beneficiou da contratación de tres socorristas -en conxunto co Valadouro- grazas a unha aportación do goberno autonómico de máis de 9.000 euros. Por outra banda beneficiáronse das axudas a autónomos 11 traballadores e outras pequenas empresas do municipio recibiron axudas do IGAPE e do INEGA, das que tamén se beneficiou o propio Concello para dotar de calefacción as casas escola de Bacoi e Carballido.

 

Preto de 380.000 euros para profesionais do medio rural

A edil do Grupo Municipal Popular recordou tamén “a importancia das achegas da Xunta aos profesionais do medio rural” que no pasado ano 2019 se viron beneficiados con preto de 380.000 euros. Destes, a maior contía, máis de 250.000 euros diríxese directamente aos agricultores e gandeiros que perciben axudas agrogandeiras. Pero a estas hai que engadir outras axudas puntuais coma unha nova incorporación ao agro, o plan marco de arranxo de camiños ao que se destinaron 29.000 euros e os máis de 55.000 euros que a Xunta achegou para a contratación dunha brigada para a loita contra incendios forestais.