Partido Popular de Lugo

Os senadores interésanse na Cámara Alta polo expediente remitido pola AGACAL ao Goberno para a obtención Aceite de Quiroga

4, febreiro, 2020. Os senadores lucenses José Manuel Barreiro, Manuel Lorenzo Varela e Rosa Arza interésanse na Cámara Alta polo expediente remitido pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL) -organismo dependente da Xunta de Galicia- para a obtención da catalogación da Denominación de Orixe Protexida Aceite de Quiroga. Así se desvela da pregunta que veñen de rexistrar co fin de que se aclare o estado no que se atopa este proceso para a consecución deste selo de calidade.

 

O pasado 8 de novembro de 2019 o Goberno de Galicia, a través da AGACAL, enviaba ao ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación a documentación relativa á tramitación desta DO para que a Dirección Xeral de Industria Alimentaria realizase a avaliación correspondente e necesaria para remitir posteriormente a mesma á Unión Europea. Dado que nada se sabe ao respecto deste asunto, Rosa Arza, na súa calidade de senadora, será a encargada de interpelar ao Executivo de Sánchez, agardando que este “fixese os deberes”, pois a obtención desta Denominación, sinala, “sería decisiva para potenciar este produto economicamente e que é un recurso moi importante na nosa comarca”, afirma.

 

O pasado 14 de marzo de 2019 deuse o primeiro paso para obtención deste selo de calidade, presentando na consellería de Medio Rural a solicitude para este recoñecemento e proceder así á apertura da tramitación do expediente. Trátase, en definitiva, “de impulsar a promoción e a recuperación etnográfica deste produto único na forma de produción e no seu sabor”, destaca.

 

Tal é así que, o Concello, dende o ano 2000, e un grupo de olivicultores, puxeron en marcha a Mostra do Aceite de Quiroga, que se obtén en certas zonas do val; un aceite de oliva virxe excepcional tal e como confirmaron as análises realizadas polo Departamento de Química Analítica da Universidade de Córdoba –un dos laboratorios de maior prestixio a nivel mundial-. E é que este produto non só supera o mínimo de polifenoles esixidos pola UE (250 mg/K) para poder usar esta denominación, senón que nalgúns casos ata o triplican.

 

En 2019 os produtores de Quiroga recolleron uns 36.000 quilos de aceitunas que permitiron poñer á venda uns 6.000 litros de aceite. A estas cantidades hai que sumar a produción que se recolle nas ribeiras do Sil e do Bibei.

Aceiroga, Val de Quiroga e Ouro de Quiroga son as tres industrias con almazara que producen coa etiqueta Aceite de Quiroga.