Partido Popular de Lugo

O PP insta á Deputación a aclarar aos lugueses se vai manter algún servizo de ocio no Miño, na capital, para substituír ao catamarán afundido

Lugo, a 3 de febreiro de 2020. No ano 2003, a Deputación de Lugo, baixo a presidencia de Francisco Cacharro Pardo, levou ao Miño, á altura de Los Robles, o catamarán Pelegrín I, e estableceu un servizo de recorridos polo río. Estivo operativo durante anos e totalmente parado ao longo duns 24 meses. O catamarán, totalmente falto de mantemento, acabou afundíndose no Miño. Unha vez rescatado, forma parte da paisaxe rural, varado nun prado propiedade da Deputación. Así as cousas, son moitos os lucenses que se preguntan se a institución provincial renunciou definitivamente a manter un servizo de ocio como era o creado por Francisco Cacharro, xa sexa de modo similar ou con outras características. O Grupo Provincial do PP, por boca de Óscar Poy, formula esa mesma pregunta ao goberno presidido polo socialista José Tomé.

 

Poy considera preciso que os responsables da Deputación aclaren se teñen algún plan para dinamizar esa parte do río Miño, na capital lucense, precisamente no entorno da Escola Provincial de Piragüismo. Dá a impresión de que este servizo, que levaba un par de anos sen funcionar, está condenado á desaparición, polo menos tendo como eixo central un catamarán. Pero outros modelos son posibles e probablemente facilmente asumibles polas arcas provinciais; de non dar paso algún neste sentido, quedará claramente de manifesto que o goberno bipartito anda escaso de ideas e máis escaso aínda de ganas de traballar.

 

O mesmo deputado considera que o organismo provincial debería establecer, para manter un servizo de ocio similar ou diferente ao desaparecido, conversas co Concello de Lugo, gobernado polas mesmas forzas políticas que dirixen a Deputación. Moito levan falado os socialistas de que Lugo viviu de costas ao río, pero, polo menos no pazo de San Marcos, non se ven hoxe pasos decididos para cambiar ese estado de cousas.

 

Nunha cidade, di Poy, á que os socialistas teñen condenada a non ter unha zona de baño pública, o que se chama comunmente unha praia fluvial pública, resulta aínda máis desagradablemente chamativo que se deixe perder un servizo, o de catamarán, que supoñía unha oferta de ocio atractiva tanto para os lucenses como para os visitantes.

 

Poy faise eco das preguntas que se fan os cidadáns e espera que o goberno provincial faga pública unha resposta, que inclúa os seus plans para colaborar no traballo de conseguir iso que tanto levan pedido os socialistas de que Lugo deixe de vivir de costas ao río.