Partido Popular de Lugo

O PP sinala que o investimento da Xunta en Castroverde, próximo aos 4 millóns de euros, duplica o orzamento municipal

Castroverde, 30 de xaneiro de 2020.- O PP de Castroverde sinala que “o investimento da Xunta no noso municipio durante o ano pasado aproxímase aos 4 millóns de euros” e, polo tanto, “duplica o orzamento municipal”. Concretamente, o portavoz popular, Rubén Otero, explica que “no 2019 as contas municipais foron de 2,5 millóns de euros, incluídos os gastos de persoal; mentres que as achegas da Xunta son íntegras para inversión”.

 

Así o sinala tras analizar os investimentos que dirixiu a Xunta na pasada anualidade ao concello de Castroverde nunha xuntanza que mantivo co delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro.

 

Otero engade, ademais, que “a cifra de investimentos da Xunta é incluso maior se temos en conta que sufraga tamén o funcionamento dos principais servizos públicos locais, como o centro de saúde e o colexio”.

 

Entre as achegas que o goberno galego dirixiu a Castroverde no 2019, o popular destaca os máis de 207.000 euros que recibiu o Concello con cargo ao Fondo de Cooperación Local. É dicir, esta achega permite ao goberno local acometer obras ou prestar aos veciños e veciñas aqueles servizos que consideren máis axeitados.

 

Así mesmo, Otero pon en valor os máis de 319.000 euros que a Xunta dirixe a Castroverde para sufragar o servizo de axuda no fogar a través dos que as persoas dependentes reciben atención e coidados. A esta cantidade hai que engadir, tamén en materia social, os preto de 17.000 euros do plan concertado ou os máis de 39.200 euros para sufragar o funcionamento das dúas casas niño coas que conta o municipio de Castroverde, gratuítas para as familias usuarias grazas ao apoio da Xunta.

 

O voceiro popular de Castroverde destaca tamén o investimento da Xunta de Galicia de cara ao fomento do emprego e, máis concretamente, na formación para o emprego. Neste sentido, o concello de Castroverde, en conxunto con outros concellos da zona, puxo en marcha un obradoiro de emprego no que participan 20 persoas en situación de desemprego e que conta cun investimento de máis de 348.000 euros. Así mesmo, o goberno galego achegou máis de 26.000 euros para que o Concello contratara a dous traballadores co programa Aprol Rural.
E a estas achegas hai que engadir tamén outras axudas a autónomos e pequenas empresas.

 

En beneficio dun dos principais sectores do municipio, a Xunta de Galicia achegou aos profesionais do medio rural máis de 2,5 millóns de euros principalmente en concepto de axudas directas a agricultores e gandeiros. Otero destaca, neste ámbito, os máis de 260.000 euros dos que se beneficiaron 12 explotacións gandeiras que teñen solicitado plans de mellora, os 117.500 dirixidos a tres novas incorporacións e os 15.000 euros que recibiu unha pequena explotación.