Partido Popular de Lugo

O PP de Samos pon en valor as achegas da Xunta que no 2019 supuxeron máis de 2,5 millóns de euros para o municipio

Samos, 27 de xaneiro de 2020.- O voceiro do PP de Samos, José Fernández, pon en valor os máis 2,5 millóns de euros que a Xunta de Galicia dirixiu no pasado ano 2019 ao concello de Samos, o que a converte “na administración que máis inviste no noso concello”.

 

Fernández recordou tamén, tras manter unha reunión co delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, que “o goberno galego, que preside Alberto Núñez Feijóo, destina, ademais, outros recursos que permiten manter importantes servizos públicos de competencia autonómica como son o centro de saúde e o colexio”.

 

O voceiro popular fixo fincapé nos máis de 150.000 euros que a Xunta achegou na pasada anualidade para o sostemento do servizo de axuda no fogar, é dicir, “para que o Concello pague o destacado traballo que realizan as profesionais que atenden aos nosos dependentes nos seus propios domicilios”.

 

Do mesmo xeito, outra das partidas que sinala Fernández é a dirixida ao Fondo de Cooperación Local que, ata novembro, permitiu ao Concello de Samos beneficiarse dunha achega de máis de 165.000 euros que “pode destinar a acometer obras ou prestar os servizos que considere axeitados para os nosos veciños e veciñas”.

 

Mellora nas estradas autonómicas e axudas ao emprego

En materia de infraestruturas, o voceiro do PP de Samos subliñou “o investimento de preto de 435.000 euros” por parte do goberno galego para a mellora da seguridade na intersección da estrada LU-633 e o reforzo da seguridade nesta mesma vía entre Samos e Triacastela. E, no caso das infraestruturas turísticas, recordou o apoio con máis de 16.500 euros para o acondicionamento de aseos na capela do Ciprés.

 

Así mesmo, as achegas da Xunta que preside Feijóo ao municipio de Samos chegaron tamén ao ámbito do emprego. Neste senso, Samos recibiu preto de 120.000 euros. Así, o Concello contratou un traballador con cargo ao programa Aprol Rural grazas a unha achega de 13.000 euros e mesmo recibiu 8.600 cos que sufragar a contratación dun AEDL e preto de 5.000 para persoal da oficina de turismo. Por outra banda, oito traballadores beneficiáronse das axudas a autónomos e outros seis autónomos ou empresas do municipio recibiron axudas do INEGA.

 

1,5 millóns de euros para profesionais do medio rural

Sen esquecer outras achegas en materia de igualdade, medio ambiente ou programas do ámbito sanitario; Fernández recordou tamén “a importancia das achegas da Xunta aos profesionais do medio rural”.

 

Dos máis de 1,5 millóns de euros que a Xunta achegou ao sector en Samos, ata 1,2 millóns foron en concepto de axudas agrogandeiras directas ás que hai que engadir outras axudas ás pequenas explotacións, aos mozos ou mozas que se incorporan ao agro ou en plans de mellora para as explotacións agrogandeiras.

 

Así mesmo, cabe lembrar, segundo manifesta o popular, o investimento de máis de 24.000 euros correspondentes ao plan marco para o arranxo de camiños rurais e, en materia de loita contra os incendios forestais, o apoio á contratación dunha brigada e a adquisición dun tractor e unha motobomba con 40.000 euros e as axudas para o desbroce das que se beneficiaron tres comunidades de montes veciñais en man común do concello de Samos.