Partido Popular de Lugo

Os populares de Láncara propoñen elaborar un plan de avaliación das pontes do municipio para determinar “actuacións de reparación e conservación”

Láncara, 25 de xaneiro de 2020.- O Grupo Municipal Popular de Láncara proporá no vindeiro pleno a elaboración dun Plan de estudio e avaliación das pontes existentes no municipio. Esta iniciativa dos populares pretende, segundo o portavoz, Santiago Cubillas, ofrecer unha programación coas “actuacións de reparación e conservacións que sexan necesarias para garantir a seguridade e ofrecer un mellor servizo aos veciños e veciñas”.

 

“Moitas das pontes do municipio foron construídas fai moito tempo, cando a intensidade do tráfico era menor, e outras quedaron danadas despois de grandes desbordamentos dos ríos”. Polo tanto, é necesario realizar un estudo para determinar o seu estado que é “preocupante” en varias delas, explica Cubillas. É o caso de Ronfe, onde a estrutura está danada e falta parte da varanda, ou os de Vilouzán, Touville, Vilela e Santa María de Lama onde as varandas están rotas.

 

Tendo en conta que “os arranxos das pontes nos últimos anos se realizaron cando xa colapsaban ou estaban a punto de facelo -Santa María da Lama, San Pedro de Láncara ou Santiago de Souto-”, os populares exporán na sesión plenaria do vindeiro xoves a proposta dun plan de actuación “rigoroso”.

 

Concretamente, os populares propoñen a elaboración dun inventario de tódalas pontes existentes no concello coa debida identificación sobre a titularidade das mesmas: xa sexa o propio Concello, a Deputación Provincial, a Xunta ou a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. Así mesmo, o estudo debería recoller o estado de conservación xeral e o das varandas en particular, así coma o tráfico que soporta e o tipo de servizo que ofrece aos veciños e veciñas. Na mesma liña, o Grupo Municipal do PP recolle a conveniencia de que este plan determine a prioridade das actuacións atendendo a criterios de seguridade, dispoñibilidade económica e necesidade. Ademais, no caso de que a ponte non sexa de titularidade municipal, o goberno local debería “dar traslado da necesidade desas intervencións ao seu titular e instar a que as acometan”, sinala Cubillas.

 

Arranxar unha estrada provincial ou mercar no comercio local

Outra das propostas do Grupo Municipal do PP lancarés relaciónase tamén coas comunicacións do termo municipal e, máis concretamente, coa solicitude de arranxo dunha estrada de titularidade provincial. Así, a través dun rogo, pedirán ao goberno local que dea traslado ao goberno da Deputación de Lugo da necesidade de arranxar a vía que comunica Santalla de Lagos e Busto despois de que os veciños e veciñas teñan manifestado as súas queixas ante o mal estado desta estrada que é por onde discorre o Camiño Real”.

 

Na procura de melloras para os veciños e veciñas do municipio, os populares defenderán tamén outros asuntos no vindeiro pleno da corporación local. É o caso dunha proposta coa que lle trasladarán ao goberno do PSOE a conveniencia de que “o Concello, nos casos nos que lle sexa posible, merque as subministracións nos establecementos comerciais do termo municipal de Láncara”. Con esta medida, ademais de beneficiar aos negocios do concello tamén se contribúe a dinamizar a economía da zona.

 

Por outra banda, os populares interesaranse polas xestións que ten realizado o goberno local para adherir o Concello de Láncara aos convenios de colaboración propostos pola Xunta e a Fegamp para mellorar a cobertura das comunicacións móbiles e para loitar contra a avespa velutina.

 

Reclamación ao Goberno da débeda pendente con Galicia

Os populares de Láncara proporán tamén que a corporación local declare o seu apoio á reivindicación da Xunta de Galicia ante o Goberno de España para que ingrese as contías do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) non liquidadas correspondentes ao exercicio 2017 como consecuencia da implantación do sistema de Información Inmediata. O voceiro do PP recorda que “esta decisión do Goberno central afecta directamente ao sistema de financiamento autonómico, pero tamén pode supor unha perda de recursos para os veciños e veciñas do noso concello” e por iso defende que “esta Corporación non pode permanecer allea a esta reivindicación”.

 

Na mesma liña, solicitan dende o Grupo Municipal do Partido Popular o apoio do Concello de Láncara á reivindicación da Xunta de Galicia ante o Goberno de España dunha convocatoria urxente do Consello de Política Fiscal e Financeira, cunha orde do día que inclúa un punto específico para abordar a aprobación a Galicia dos incentivos polo seu bo desempeño fiscal nos anos 2017 e 2018.