Partido Popular de Lugo

O PP salienta que O Valadouro pecha o 2019 con máis de 1,8 millóns de euros investidos pola Xunta

O Valadouro, 24 de xaneiro de 2020.- O portavoz do Grupo Municipal Popular do Valadouro, José Manuel Lamela, explicou que “a Xunta de Galicia investiu máis de 1,8 millóns de euros no municipio o ano pasado” e, polo tanto, “a administración autonómica foi a que liderou os apoios para obras e servizos no Valadouro” ao peche do exercicio do 2019 .

 

O popular fixo estas valoracións poñendo en valor o compromiso do goberno galego co municipio logo de manter unha xuntanza co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, na que analizaron cada unha das partidas económicas dirixidas ao municipio. Recordou tamén Lamela que “a estes importantes investimentos que hai que engadir tamén os apoios da Xunta dirixidos ao sostemento dos principais servizos públicos da localidade como son o centro de saúde ou o colexio”.

 

Lamela destacou os 400.000 euros que a Xunta achegou ao Concello para o sostemento do servizo de axuda no fogar ou, o que é o mesmo, para sufragar a contratación das profesionais que se dedican á atención e coidado de persoas dependentes.

 

Así mesmo, salientou as achegas do Fondo de Cooperación Local a través das cales, ata novembro, o Concello do Valadouro recibiu máis de 169.000 euros para acometer obras ou ofrecer servizos que dende a entidade local se consideren axeitados. Igualmente, a estas achegas hai que engadir tamén 163.000 euros procedentes do Fondo de Cooperación Ambiental e outros 69.000 euros -da convocatoria competitiva- para sufragar o servizo de recollida domiciliaria de lixo e punto limpo en conxunto co concello de Alfoz.

 

No ámbito do emprego, a Xunta apoiou 5 autónomos con axudas que ascenden a 21.250 euros e facilitou a contratación, por parte do Concello, de dous traballadores cunha achega de 28.000 euros pertencentes ao programa Aprol Rural.

 

José Manuel Lamela puxo en valor tamén que “a Xunta investiu máis de 33.000 euros na mellora da estrada LU-161, entre Landrove e Ferreira” e máis de 28.000 euros en materia de medio ambiente. Con respecto ao fomento da igualdade, o goberno galego achegou preto de 100.000 euros para o desenvolvemento de distintas actividades coma a apertura do colexio en horario non lectivo para contribuír á conciliación das familias ou para o mantemento do CIM que O Valadouro comparte con outros concellos da contorna.

 

Medio rural

O voceiro do PP quixo tamén facer fincapé nas achegas que a administración autonómica dirixiu no 2019 ao rural do municipio e que ascenden a máis de 766.000 euros. A maioría destas achegas, cun importe de máis de 600.000 euros, corresponden ás axudas agrogandeiras; ás que hai que engadir as axudas ás novas incorporacións e ás pequenas explotacións.

 

Igualmente, a Xunta achegou máis de 63.000 euros para a contratación de dúas brigadas de incendios e a adquisición dun tractor e o Concello recibiu 31.000 euros con cargo ao plan marco de mellora de camiños. Doutra orde de axudas beneficiouse a comunidade de montes veciñais de Frexulfe para loitar contra os incendios con máis de 18.000 euros.