22, xaneiro, 2020.- O deputado popular no Parlamento galego, Daniel Vega, destacou esta mañá durante unha visita á casa niño de Riotorto acompañado do alcalde do municipio, Clemente Iglesias, que “a Xunta reforza os recursos dirixidos ao rural para que as familias non teñan que elixir entre conciliar e vivir na súa parroquia”.
O popular puxo en valor, nesta ocasión, “este tipo de servizos que contribúen a fixar poboación” porque “permiten ofrecer un coidado profesional aos nenos e nenas de 0 a 3 anos do noso rural ao mesmo tempo que facilitan a conciliación da vida laboral, familiar e social dos pais e nais”; xa que “contan cun horario flexible de luns a venres”.
Vega subliñou, neste sentido, que “este tipo de servizos ten moito valor para o rural” e “contribúen a frear o despoboamento do interior da nosa provincia” ao poñer a disposición dos veciños e veciñas servizos próximos”. Estes mecanismos, ademais de fixar poboación, tamén dinamizan a economía local ao favorecer o autoemprego da persoa responsable da atención e coidados dos menores.
Servizos gratuítos para as familias do rural
As casas niño son recursos gratuítos, non supoñen ningún coste directo para as familias, porque “a Xunta financia ao 100% o seu funcionamento”. Recentemente, tal e como recordou o popular, “o DOG publicaba o pasado 17 de xaneiro a orde de axudas que impulsa o goberno galego para garantir a continuidade e o mantemento das casas niño”.
O deputado do PP lucense gabou o esforzo do goberno galego por dar continuidade a esta exitosa medida que pretende implantar nesta lexislatura en tódolos concellos de menos de 5.000 habitantes que non dispoñan doutros servizos de conciliación. Deste xeito, Vega salientou que “coa posta en funcionamento neste 2020 de tres novas, a provincia contará con 19 casas niño a pleno rendemento nos concellos do rural lucense”.
Casa niño de Riotorto
A casa niño de Riotorto entrou en funcionamento no 2017 como parte dun proxecto piloto que tiña como horizonte o 2019; pero, ante o seu éxito de funcionamento, a Xunta garantiu a súa continuidade financiando a totalidade do seu funcionamento”.