Partido Popular de Lugo

Os deputados populares esixen a Tomé que execute o acordo de 2018 para a construción da circunvalación de O Burgo

Lugo, 17 de xaneiro de 2020. A promoción do Camiño de Santiago debe ser preocupación fundamental de todas as institucións de Galicia. Pero parece que no caso da Deputación de Lugo esta preocupación non é especialmente grande á vista de que acordos adoptados hai máis dun ano, que afectan directamente ao Camiño, seguen sen ser executados. O deputado popular Óscar Poy presenta unha iniciativa en relación co acordo adoptado para a circunvalación de O Burgo, no municipio de Lugo.

 

Poy recorda que «no pleno da institución provincial celebrado o 26 de decembro de 2018 aprobouse por unanimidade unha moción presentada polo Grupo Provincial do Partido Popular para que se iniciaran, de forma urxente, todas as accións necesarias para poñer en marcha o proxecto de ensanche e mellora da estrada provincial LU-P-2901 dende o punto quilométrico. 3,3 ata o 5,4 (circunvalación de O Burgo)». Constata que «un ano despois esta obra está sen executar».

 

Os populares entenden «que é urxente executar as obras do dito proxecto que corresponde a unha vía que vai desde a LU-232 a Palas de Rei e que transcorre polo Burgo e Vilamaior de Negral». Poy argumenta: «Trátase dunha obra moi necesaria porque sacaría o tráfico rodado da travesía do Burgo, onde coinciden o Camiño Primitivo e a estrada provincial, pola que transitan tanto os peregrinos como o tráfico rodado, maquinaria agrícola e, incluso, o gando, o cal xera múltiples situacións de inseguridade; é un perigo tanto para os peregrinos como para o resto de usuarios desta vía». Agrega: «É urxente arranxar esta estrada para tentar que dea tempo a que no ano Xacobeo 2021 poida estar rematada». Sostén que «este é un xeito de impulsar o Camiño, xa que dotar de seguridade aos peregrinos é fundamental; a situación que se da no Burgo non é acorde ao tempo no que vivimos».

 

Os deputados populares queren saber «cales son os motivos polos que aínda non se executaron as obras necesarias de ensanche e mellora da estrada provincial LU-P-2901 dende o punto quilométrico 3,3 ata o 5,4 (circunvalación de O Burgo) e que prazos ten previstos o goberno provincial para cumprir o acordo plenario aprobado en decembro de 2018 respecto á mellora desta estrada?».

 

Óscar Poy recorda que tamén o Concello de Lugo aprobou por unanimidade, no pleno ordinario do 28 de xaneiro de 2016, unha proposición na que se instaba á Deputación Provincial de Lugo a executar o proxecto para a estrada de circunvalación de O Burgo.