Partido Popular de Lugo

O PP insta ao socialista Tomé a reclamar do Goberno de Pedro Sánchez fondos FEDER para a mellora do saneamento de Monforte

Monforte, a 17 de xaneiro de 2020. As infraestruturas hidráulicas son, entre as esenciais, probablemente as máis necesarias para o normal desenvolvemento dos núcleos de poboación, máis aínda se teñen a consideración de cidade. No caso de Monforte, o saneamento presenta carencias e deficiencias sobradamente coñecidas e padecidas polos veciños, fronte ás que o goberno municipal presidido polo socialista José Tomé parece insensible. Á vista desta situación, o grupo municipal do Partido Popular leva unha iniciativa ao pleno para intentar que o goberno local dea algúns pasos necesarios para saír da parálise neste asunto. A portavoz popular no Concello, Katy Varela, firma unha moción na que propón ao pleno que acorde solicitar ao alcalde «que se dirixa ao secretario de Estado de Medio Ambiente e ao Ministerio de Transición Ecolóxica e solicite que se garanta a asignación de fondos FEDER xestionados pola Administración central á mellora do saneamento da cidade de Monforte de Lemos».

 

Varela explica que o seu grupo presentou en xullo pasado unha moción para que o Concello instase ao Goberno central a destinar á depuradora de Monforte fondos previstos para a de Santiago, que, por distintas causas, non podían ser executados. Os concelleiros socialistas votaron en contra. «Hoxe é unha realidade que as obras de Santiago non se van executar», di a portavoz popular, que insiste na «importancia de que estes fondos se empreguen na depuradora de Piñeira de Monforte».

 

A portavoz do PP en Monforte recorda as xestións levadas a cabo desde a Xunta. «A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade anunciou a finais do ano pasado que solicitaría ao Ministerio de Transición Ecolóxica que estes fondos quedasen na nosa Comunidade e, entre outras obras, se destinasen ao saneamento de Monforte de Lemos. Sen embargo, dende o ministerio contestaron enumerando outras cidades pero non Monforte, o cal orixinou gran desasosego». Di tamén Varela: «O pasado martes, 14 de xaneiro, a conselleira de Infraestruturas mantivo unha reunión co secretario de Estado de Medio Ambiente para chegar a un acordo global do saneamento de Galicia, onde ambas administracións se comprometerían a financiar diversas obras de saneamento en Galicia, incluíndo os fondos europeos FEDER executados polo Goberno do Estado». Varela declara: «É sorprendente que non se fixera chegar por parte do goberno local de Monforte ningunha solicitude, nin sequera verbal, desa aportación de fondos para o noso saneamento». Á vista desta situación, os populares levan este asunto de novo ao pleno.

 

Piscina municipal

Por outro lado, o grupo municipal do PP defenderá na próxima plenaria unha moción para que o Concello acorde, en relación coa piscina municipal, «o secuestro do contrato, de maneira que durante un período de tempo limitado, o concello xestione o servizo, e se transcorrido o prazo fixado a empresa non é capaz de garantir as súas obrigas, se resolva o mesmo podéndose valorar nese intre a posibilidade de reverter o servizo co fin de facelo exclusivamente de titularidade municipal». A portavoz popular, Katy Varela, recorda que os traballadores da empresa que xestiona a piscina municipal protagonizaron unha concentración para reclamar o pago das mensualidades que se lles adebedan. Durante esta concentración tamén mostraron a súa preocupación pola falta de mantemento das instalacións.

 

Varela di que a empresa incumpre cláusulas do actual contrato, en concreto, a número 30: «..son de conta do contratista…satisfacer todos os gastos que a empresa deba realizar para o cumprimento do contrato, como son…materiais, instalacións, honorarios de persoal o seu cargo…». A portavoz popular indica que, por outra banda, a cláusula 32 establece que o contratista está obrigado ao cumprimento da normativa vixente en materia laboral, de seguridade social…etcétera. Varela di: «No prego de prescricións técnicas tamén se recolle, no punto 7, a obriga do concesionario do mantemento integral do conxunto de bens integrantes da instalación, entendendo por tal o mantemento preventivo e correctivo». Katy Varela considera que é posible aplicar o artigo 263 da Lei de Contratos do Sector Público que «contempla a posibilidade do secuestro temporal do contrato de explotación cando o concesionario non poida facer fronte, temporalmente e con grave dano social, á explotación da obra por causas alleas ao mesmo ou incorrese nun incumprimento grave das súas obrigas que puxeran en perigo a súa explotación».

 

A portavoz popular destaca que «se as instalacións seguen abertas é grazas aos empregados que acoden cada día ó seu posto de traballo sen percibir os salarios correspondentes, pero esta situación xa pon en perigo o uso normal da piscina municipal». Agrega: «A piscina municipal de Monforte ten un impacto social o suficientemente intenso como para que o Concello actúe de forma máis contundente».

 

Por último, o grupo municipal popular presenta un rogo para que o alcalde «se poña en contacto coa confederación Hidrográfica Miño-Sil e solicite da mesma o informe favorable para o proxecto de prolongación ata a N-120 do acceso ao Porto Seco».