Partido Popular de Lugo

Rouco: “O PSOE traspasa a barreira do ridículo para alcanzar o esperpéntico”

Burela, a 15 de xaneiro de 2020.- “O PSOE burelés traspasa a barreira do ridículo para alcanzar o esperpéntico”. Así o afirma o voceiro do PP, Manuel Rouco, unha vez coñecido que a vindeira semana se esgota o prazo legal para levar a cabo o Pleno de Organización e, “entre tanta negociación co seu compañeiro de viaxe (o Bng), esqueceuse de que lle faltaba por nomear un concelleiro, co cal lle faltaría un voto para apoiar tódolos puntos a tratar ese mesmo día (dedicacións, dietas,…)”.

 

Para o popular esta cuestión non tería maior importancia se non fora porque o edil en cuestión é o secretario dos socialistas en Burela, “todo un coordinador comarcal que non se cohibe en presentarse ante os medios de comunicación como o alcalde de Burela”, afirma.

 

Dada a circunstancia, e a advertencia dos funcionarios do concello, o rexedor convoca, “nunha situación nunca vista e pola porta de atrás”, un Pleno Extraordinario notificándoo con menos de 24 horas de antelación só para que Fernández Rey tome posesión da súa acta de concelleiro e poida participar no pleno de organización da vindeira semana.

 

“Dende o PP de Burela non nos opoñemos a que o concelleiro electo tome plena posesión da súa acta, só faltaría. O que si nos opoñemos son ás formas nas que se pretende facer, pois non se trata dunha situación de extrema urxencia, que é a única circunstancia na que a normativa permite este tipo de convocatorias exprés”, remarca Rouco.

Por este motivo, considera “lamentable, non só a parálise institucional á que está a someter o binomio PSOE-BNG a Burela, se non tamén a terrible humillación na que pretenden sumir o noso Concello con este tipo de situacións”. E é que Fernández Rey, nunha situación totalmente anómala, non acudiu ao pleno de investidura do seu compañeiro, e alcalde do municipio, tendo case que un mes e medio para tomar posesión da súa acta como concelleiro.

 

Preguntas sen resposta

Neste senso, dende o Partido Popular pregúntanse: “que cargo exerceu o Sr. Fernández Rey no Concello durante todo este tempo?, entra dentro da legalidade vixente?, merecémonos os veciños e veciñas de Burela este tipo de representantes?. O PP de Burela non pode nin vai a comulgar con este tipo de actitudes total e absolutamente irresponsables”, sentencia.