15, xaneiro, 2020. O voceiro do Grupo Municipal do PP de Samos, José Fernández, destaca “os 45.500 euros anuais que recibe o Concello dende o 2017 para realizar obras de conservación no Camiño Francés e na súa contorna”. O popular sinala que se trata dunhas achegas con cargo ao convenio que os concellos do Camiño Francés teñen asinado coa Xunta para facer fronte a este tipo de actuacións extraordinarias que se deban acometer con urxencia.
Fernández pon en valor, polo tanto, “a implicación da Xunta coas tarefas de conservación do Camiño Francés ao seu paso polo noso municipio”. É máis, para o popular “a administración autonómica é a única que está a desenvolver estes traballos, a pesar de que é unha competencia compartida co Concello”.
Nese sentido, o voceiro do PP no municipio lembra tamén que “a Xunta de Galicia ten en vigor un contrato de conservación do Camiño Francés co que apoia aos concellos nas obras de mantemento da ruta xacobea”.
Colaboración entre institucións
O popular demanda ao rexedor local unha “maior colaboración institucional” e un “compromiso co seu deber como alcalde” que é o de trasladar a través das canles oficiais calquera deficiencia relacionada co Camiño Francés que se detecte no termo municipal de Samos á Xunta de Galicia para que poida actuar “segundo as necesidades”.