Partido Popular de Lugo

O Parlamento galego esixe a Fomento que constrúa e financie a estación intermodal de Lugo, dotándoa dun aparcamento soterrado

Santiago, 15 de xaneiro de 2020.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra do Grupo Socialista, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se esixe ao Ministerio de Fomento que constrúa e financie a estación intermodal que presentou na cidade de Lugo en marzo de 2019, unha terminal ferroviaria reformada e dotada cun aparcadoiro subterráneo que cubra as súas necesidades. Así mesmo, demanda ao Concello de Lugo e a Fomento, como administracións implicadas no desenvolvemento desta estación intermodal xunto coa Xunta de Galicia, que asinen, á maior brevidade, o convenio de colaboración a tres bandas proposto polo Goberno galego, similar ao xa asinado noutras cidades galegas que teñen as súas estacións intermodais en execución.

 

A deputada popular Encarna Amigo manifestou que a estación intermodal de Lugo “é un proxecto estratéxico tanto para a cidade como para o conxunto da provincia, xa que fará posible integrar nun mesmo espazo as instalacións ferroviarias, incluídas as futuras necesidades derivadas da alta velocidade, con outros servizos de transporte urbano e interurbano”.

 

“Este nova infraestrutura pública nace na procura de promover a utilización do transporte público sustentable, mediante a execución das obras precisas para que en Lugo se poña a disposición tanto dos cidadáns como dos futuros usuarios a posibilidade de combinar diferentes modos de transporte público, ben sexa o ferrocarril ou ben autobús dunha maneira rápida e eficiente e cun menor custo ambiental e económico”, engadiu.

 

NOVO INCUMPRIMENTO DOS SOCIALISTAS CON LUGO

 

Así mesmo, explicou que “o modelo de colaboración establecido para a posta en marcha das estacións intermodais galegas consiste en que a Xunta constrúe e financia a terminal de autobuses; o Ministerio de Fomento constrúe e financia a reforma ferroviaria; e o Concello asume a adecuación urbanística e os accesos se son necesarios, co apoio da Administración autonómica”.

 

Porén, alertou de que “existen razóns para asegurar que a chegada do Goberno bipartito que preside Pedro Sánchez pode ser un freo ao desenvolvemento desta infraestrutura, ao converter o que era un proxecto froito do traballo conxunto entre a Xunta e o Ministerio de Fomento nunha iniciativa que os socialistas pretenden sumar aos moitos incumprimentos do Goberno central con Lugo”.

 

Encarna Amigo engadiu que “o Goberno de Pedro Sánchez non só está a dilatar a sinatura do protocolo de colaboración entre as distintas administracións para a execución da estación intermodal, senón que ademais pretende incumprir varios dos compromisos”. En concreto, considerou “imprescindible o aparcadoiro soterrado que debe estar vinculado á estación de ferrocarril, que o propio Ministerio incluíu no proxecto presentado en marzo de 2019”.

 

Neste sentido, lamentou que o ADIF “sorprendera hai uns meses presentando unha proposta de convenio, alternativo ao borrador remitido anteriormente pola Xunta de Galicia, na que eliminaba a execución do aparcadoiro soterrado, xerando confusión ao dar a impresión de que perdía interese a execución desta obra cando no estudo funcional da estación intermodal, elaborado polo propio ADIF, este asume a responsabilidade de reformar a terminal ferroviaria, adaptala á chegada do AVE e precisa que o proxecto necesita dun aparcadoiro soterrado de 300 prazas para atender as necesidades ferroviarias”.