14, xaneiro, 2020. O Partido Popular pediu a Claudio Garrido que non reste valor á obra de desdobramento do corredor Nadela-Sarria, porque cun orzamento de licitación de case 25 millóns de euros, suporá o investimento de maior contía dos executados en materia de infraestruturas no conxunto da provincia para o ano que vén de comezar, o 2020.
Desde o PP explican que a licitación por fases da autovía fuxe de proxectos faraónicos, que na práctica non son realizables e se centra en ofrecer solucións viables ás necesidades que existen nese treito de circulación que, como xa se ten explicado, foi escollido con criterios técnicos por ser o que presenta menor servizo pola súa orografía complicada, con pendentes pronunciadas que reducen a velocidade dos vehículos e porque hai menos posibilidades de adiantamento.
Segundo os populares a veciñanza non entendería que das palabras do alcalde de Sarria se deduza un intento por bloquear esta obra ou poñer paos nas rodas cando o que tería que estar a facer é todo o contrario, colaborar coa Xunta para axilizar o proceso.
No PP tamén insisten que o compromiso do Goberno Feijóo con esta infraestrutura que aspira a converterse na primeira autovía autonómica na provincia é seguro, por canto o inicio do proceso de contratación e de recepción de ofertas por parte das empresas interesadas en executar estes traballos, permite que ese treito estea en obras a mediados deste mesmo ano.
Desde refrescan a memoria a Claudio Garrido e lembran que a Xunta sempre traballou na mellora desta infraestrutura e de feito lembran que o PP iniciou o corredor con Feijóo, levouno ata Monforte e agora o desdobra. Contrasta esta situación co que está a facer o PSOE, que mantén bloqueada a finalización da autovía Santiago-Lugo e Lugo-Ourense e a nacional 120 en malas condicións de mantemento.