Partido Popular de Lugo

O PP agarda que desta vez a Deputación cumpra as previsións coa residencia, pois esta “xa foi inaugurada en tres ocasións por tres presidentes”

14, xaneiro, 2020. O Grupo Provincial do Partido Popular agarda que desta vez a Deputación cumpra as previsións anunciadas respecto da posta en funcionamento da residencia da terceira idade, pois se pode dicir, indica o vicevoceiro, Javier Castiñeira, que “esta foi inaugurada ata en tres ocasións e por tres presidentes diferentes”.

 

Os populares consideran “que xa vai sendo hora de que fagan realidade a palabra dada nos últimos anos”, pois do primeiro acto inaugural xa pasaron máis de 4 anos; o que evidencia “que foron as liortas do PSOE e as triquiñuelas políticas que se trouxeron entre mans os socialistas as que provocaron que os usuarios aínda non puidesen entrar no centro”.

 

“Como acontece moitas veces, ao final quenes pagan os seus texemanexes somos os veciños, neste caso os fonsagradinos”, lamenta Castiñeira. É, por este motivo, polo que dende o PP piden rigor aos dirixentes da Deputación, agardando que este sexa “o capítulo definitivo da residencia”, xa que, do contrario, insisten, “sería chamarnos parvos á cara”.

 

Cronoloxía dos feitos

Dende o Partido Popular amósanse así prudentes e con certa desconfianza porque ao longo destes máis de catro anos os anuncios realizados sobre a residencia respostaron máis “a un fin electoral que a outra cousa”. “Dende logo, se tivesen vocación de servizo público e de abrila, xa o terían feito”, afirma Javier Castiñeira. Os feitos así o indican:

 

► 1ª inauguración, 1º presidente.- A Deputación de Lugo e o Concello de A Fonsagrada inauguraran en marzo de 2015, é dicir, dous meses antes das eleccións municipais, o Residencial Rois. Foi nun acto convocado polo exalcalde Argelio Fernández e o expresidente Gómez Besteiro, e no que participaron numerosos veciños, que asistiron á confirmación por parte dos responsables destas administracións de que estas instalacións abrirían as súas portas en setembro dese mesmo ano.

 

► 2ª inauguración, 2º presidente.- O 3 de setembro de 2018, o presidente Darío Campos di nos medios de comunicación que ten todo listo para abrir a residencia. Este feito levou ao PP a preguntar no Pleno do 13 de novembro dese ano se o Concello tiña o PIA; o trámite necesario para a súa apertura.

 

O 22 de decembro de 2018, a Deputación anuncia a licitación da mesma e o 13 de marzo de 2019 adxudica o Residencial Rois a As Rodas Vivendas Comunitarias. Posteriormente, o 15 de marzo de 2019 a Deputación solicita o PIA á Xunta de Galicia. É dicir, que tanto a Deputación como o Concello iniciaron todo o proceso de construción sen dispoñer dos permisos esixidos, polo cal é evidente que a súa apertura era administrativamente imposible polo menos antes do 15 de marzo deste ano, incumprindo, unha vez máis, a palabra dada aos veciños de A Fonsagrada.

 

► 3ª inauguración, 3º presidente.- 14 de xaneiro de 2020, o organismo provincial, sendo José Tomé presidente, organiza a xornada de portas abertas no centro.

 

Voto en contra do PSOE local

A cronoloxía dos feitos, baseada e sacada de decretos e acordos adoptados na Xunta de Goberno, amosa claramente que os socialistas empregaron este asunto como “arma política e non para dar un servizo demandado aos fonsagradinos”, que sería, indican tamén dende o PP local, “o que debería de primar en calquera acción de goberno”.

 

Esta afirmación cobra máis importancia para o voceiro desta formación no municipio, se se ten en conta que o PSOE de A Fonsagrada tamén votou en contra no Pleno decembro da proposta do PP na que se instaba á Deputación a abrir de xeito inmediato o Residencial Rois, sendo o único grupo político que rexeitou dita iniciativa, pois o BNG tamén se manifestou a favor da demanda dos populares.

 

José Regueiro, que tamén participou na xornada de portas abertas, sinala que “xa non ten que haber máis oportunidades. A residencia ten que funcionar xa, pois levan enganándonos máis de catro anos”. A este respecto, considera que “poñela en marcha é obriga da Deputación e se non se puxo en marcha antes foi pola irresponsabilidade dos que a gobernaron nos últimos anos”, conclúe.